8 de abr. de 2019

A GUARDA

CULTURA

Na Revolta e a Orquestra Kv2211 brindáronnos súas notas musicais na pasada fin de semana

A Guarda recibiu a primeira fin de semana do mes de abril con dous concertos a cargo do grupo folk Na Revolta e da Orquestra Kv2211  

Na imaxe un dos intres do concerto e gravación do Grupo Folk local Na Revolta
Fotos: C.A.G.


 Infogauada / A Guarda

 Na xornada do sábado día 6 de abril o salón de actos do Centro Cultural da vila acolleu o concerto e gravación do Grupo Folk local Na Revolta para a posterior edición e lanzamento do seu segundo traballo discográfico que levará por nome «Dale al ON».  


 Na Revolta

 Esta gravación realizouse despois de que o ano pasado, Na Revolta celebrara o seu 17 aniversario cun concerto no mesmo lugar. 

 A iniciativa de gravar este segundo disco-concerto xurdiu das demandas dos propios seguidores de Na Revolta. Ademais, sendo un grupo de amizade, estas gravacións quedan no recordo dos seus integrantes para sempre. 

 O Grupo Na Revolta sempre estivo formado por antigos integrantes do Grupo de Baile e Gaitas Semente Nova e posteriormente Trullada, ambos levados a cabo e dirixidos por María Asunción Trigo Alonso. A ela lle deben a unión de amizade e música xa que Iván Gómez, María Elena Baz Rodríguez, Miguel Rodríguez e Xurxo Vicente Ameal foron compoñentes de ditos grupos, uníndose despois tamén as parexas Silvia Castro e Diego González. Durante uns anos tamén formou parte de Na Revolta, Eduardo Rodríguez Sobrino, integrante ademais dos grupos citados. 

 Na Revolta leva 18 anos ensaiando, creando e tocando música tradicional-folk galega, tendo nestes anos moitas actuacións, tanto no eido local, como galego, acudindo a programas de televisión e festas de diferentes puntos de Galicia. As actuacións mais memorables de Na Revolta foron no Festival Interceltique de Lorient e a actuación no Festival As Penizas Folk, compartindo escenario con Berroguetto, unha das súas maiores inspiracións.  


 Orquestra Infantil e Xuvenil Kv2211 de Vigo

 Por outra banda, na xornada do domingo, o Centro Cultural foi o escenario da celebración dun concerto da Orquestra Infantil e Xuvenil Kv2211 de Vigo, dentro dos actos programados pola Asociación Piueiro con motivo da celebración do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais, que terá lugar do 11 ao 14 de xullo na Guarda.  

 Un dos obxectivos da KV2211 é social e este concerto adicouse, co fin de compartir e facer visibles os valores que representa, a Avelaiña unha entidade sen ánimo de lucro, declarada de Utilidade Pública e integrada por persoas con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde.  

 A Orquestra Kv2211 conta con 50 membros, nenos e mozos entre 8 e 20 anos de idade, con formación en instrumentos de corda, vento, piano e percusión. A Orquestra realizou a súa actuación na Guarda coas súas dúas agrupacións: en primeiro lugar, os máis pequenos, integrantes da Orquestra Infantil e posteriormente, a Orquestra Xuvenil, para dar paso á actuación da Orquestra Kv2211 no seu conxunto, baixo a dirección de José M. Fernández e Raquel Fernández Núñez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario