25 de abr. de 2019

A GUARDA

Desenvolvemento Sostible 

A Casa dos Alonso acolle unha exposición do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade


Infogauda / A Guarda
  
Os municipios teñen un papel chave no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU co fin de erradicar a pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030.   

 O primeiro paso é dalos a coñecer, de aí que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ideara esta exposición na que cada Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) está representado por unha viñeta dunha autora ou autor de Galicia ou da África lusófona.  


 Vista parcial da exposición

 A exposición «Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades alá e acolá» reúne un total de 17 viñetas, unha por cada ODS, de 15 debuxantes, tanto de Galicia coma de países africanos da Lusofonía como son Mozambique, Cabo Verde e Guinea-Bissau.    

 A través da mostra preténdese fomentar a reflexión, a nivel local e global, sobre temas como a loita contra a fame, o acceso á saúde e á educación, a equidade de xénero ou a protección do planeta. Tamén se busca concienciar sobre as medidas que cadaquén pode tomar e/ou esixir ao respecto. 

 O Concello de A Guarda convida a toda a cidadanía a visitar a exposición que ata o 16 de maio está aberta ao público na Casa dos Alonso, en horario de 8:00 a 15:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario