4 de abr. de 2019

A GUARDA

Teatro, música, deporte e gastronomía 

Na primeira fin de semana de abril



Infogauda / A Guarda


 A Guarda recibe a primeira fin de semana do mes de abril cunha intensa programación de actividades entre as que destacan a celebración dunha exhibición de cociñado de lamprea, enmarcado nos fins de semana gastronómicos; a representación teatral de «Bernarda», o concerto do grupo folk Na Revolta, a proba deportiva Baixo Miño Enduro Experience e o concerto da Orquestra KV2211.   

Programación

Venres 5 de abril

 Nesta data a Praza de Abastos de A Guarda será o escenario para a realización dunha demostración de cociñado na que un restaurador da vila cociñará a lamprea do Río Miño elaborada coa receita tradicional “Á bordalesa”. Tamén se elaborará outra receita especial coa lamprea para que os asistentes a degusten gratuitamente. 
 Esta actividade gastronómica terá lugar entre as 11:00 e as 12:30 horas, na pranta baixa da Praza de Abastos, onde tódalas persoas que así o desexen poderán coñecer como elaborar este manxar do Río Miño, seguindo as instrucións dun profesional da hostalaría guardesa.  

 Esta demostración de cociñado está enmarcada nas fins de semana gastronómicas que se estenden ata o 14 de abril e no que se pode degustar a lamprea do Miño na súa preparación máis tradicional, á bordalesa, a un prezo único por ración de 22€. A lamprea enteira terá un prezo de 65€ nos restaurantes Area Grande, Arruaz, Brétema, Bar Casa Aquilino, Enxebre, La Pizzicata, Marbella,  O Cangrexal, O Roxo e Xantar.   


 Tamén na xornada deste venres día 5 de abril, ás 21:00 horas, o Centro Cultural será o escenario para a representación teatral de «Bernarda» a cargo da Compañía Malasombra Producións. 

 As entradas para este espectáculo están xa esgotadas. 

Sábado 6 de abril 
 Na xornada do sábado día 6 de abril, ás 20:30 horas, o salón de actos do Centro Cultural acollerá o concerto e gravación do Grupo Folk Na Revolta, de A Guarda.  

 Esta gravación, para a posterior edición e lanzamento do seu segundo traballo discográfico que levará por nome «Dale al ON», realizarase despois de que o ano pasado celebrara o seu XVII aniversario cun concerto no mesmo lugar. 

 A iniciativa de gravar este segundo disco-concerto xurde das demandas dos propios seguidores de Na Revolta. Ademais, sendo un grupo de amizade, estas gravacións quedan no recordo dos seus integrantes para sempre. 

 O Grupo Na Revolta sempre estivo formado por antigos integrantes do Grupo de Baile e Gaitas Semente Nova e posteriormente Trullada, ambos levados a cabo e dirixidos por María Asunción Trigo Alonso. A ela lle deben a unión de amizade e música xa que Iván Gómez, María Elena Baz Rodríguez, Miguel Rodríguez e Xurxo Vicente Ameal foron compoñentes de ditos grupos, uníndose despois tamén as parexas Silvia Castro e Diego González. Durante uns anos Eduardo Rodríguez Sobrino, tamén formou parte de Na Revolta,  integrante ademais dos grupos citados. 

 Na Revolta leva 18 anos ensaiando, creando e tocando música tradicional-folk galega, tendo nestes anos moitas actuacións, tanto no eido local, como galego, acudindo a programas de televisión e festas de diferentes puntos de Galicia. As actuacións mais memorables de Na Revolta foron no Festival Interceltique de Lorient e a actuación no Festival As Penizas Folk, compartindo escenario con Berrogüetto, unha das súas maiores inspiracións.  

Domingo 7 de abril



 Este domingo A Guarda acolle a “Baixo Miño Enduro Experience”, unha proba puntuable no Open de Galicia de Enduro, na que se agarda a participación duns 200 ciclistas, e  que ten a particularidade de ter 5 tramos cronometrados cun percorrido que se realiza nun entorno idílico para a práctica da disciplina de Enduro, cunhas paisaxes espectaculares co río Miño, a Costa e o porto de A Guarda, os Castros do Monte Santa Trega, O Rosal e os seus viñedos, e a desembocadura do Miño.  

 Os participantes sairán ás 8:30 horas dende a Alameda para dirixirse ata o Monte Terroso, onde realizarán os primeiros catro tramos cronometrados. Dende alí desprazaranse ata o Monte Santa Trega, onde realizará o tramo cronometrado final, rematando este na rúa de Circunvalación e dirixíndose despois á Alameda, onde terá lugar a entrega de premios. 

CONCERTO DA ORQUESTRA INFANTIL E XUVENIL Kv2211



 Por outra banda o Centro Cultural da vila será o escenario da celebración dun concerto da Orquestra Infantil e Xuvenil Kv2211 de Vigo, programado para este domingo ás 12:00 horas, con entrada de balde ata completar aforo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario