30 de abr. de 2019

A GUARDA

O Concello contará cun novo Salón de Plenos na Casa dos Alonso 

 Esta actuación realízase con cargo ao Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra e conta cun orzamento total de 48.394,18€.


A infografía reflicte á previsión do aspecto que terá o novo salón de plenos do Concello de A Guarda
Fonte: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal do Concello de A Guarda, presidido por Antonio Baz Lomba, deu a coñecer no día de hoxe 30 de abril de 2019, que onte luns iniciou a obra de creación dun salón de plenos no espazo reservado para tal fin no novo edificio do concello, na Casa dos Alonso. 

 As actuacións pretendidas son a adaptación da distribución actual ás necesidades dos actos que se realizan habitualmente no salón de plenos, elaborando «in situ» un entarimado sobre a súa correspondente estrutura metálica adaptada a forma da mesa de plenos. Esta mesa será fabricada a medida con forma elíptica. 

 Dotarase o salón de plenos dun sistema móbil de compartimentación para un dobre uso como salón de exposicións. Así mesmo no teito se realizará a fabricación e instalación «in situ» a medida de vigas suspensas a través de listóns de pino laminado para unha mellora acústica. 

 Dende o punto de vista corporativo e institucional, na parede do fondo, instalarase un rótulo identificativo do concello, así como outro na mesa de plenos. Complétase a inversión con equipamento consistente en cadeiras con rodas para a mesa de plenos e cadeiras para o público. 

 Esta actuación realízase con cargo ao Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra e conta cun orzamento total de 48.394,18€.

Ningún comentario:

Publicar un comentario