EMPREGO
O Concello contrata a 15 persoas con cargo ao Plan Concellos 2019
Dese xeito recibe unha achega da Deputación de Pontevedra por valor de 164.229,25€
O alcalde e tres concelleiros do equipo do goberno, cun grupo de persoas contratadas temporalmente polo Concello de A Guarda
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O executivo municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz fixo público no día de hoxe que “o Concello de A Guarda ven de incorporar ao seu cadro de persoal a un total de 15 traballadores que prestarán servizo temporalmente en diferentes departamentos e servizos municipais, con contratos que varían dende os 6 ata o 9 meses de duración grazas á Liña 3 de Emprego para Conservación e funcionamento de bens e servizos municipais do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.
Os beneficiarios destes contratos temporais foron persoas desempregadas seleccionadas a través das Oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados.
Máis polo miúdo, o Concello de A Guarda contará con 2 traballadores para axudantes do camión da recollida do lixo (9 meses), un oficial albanel (9 meses), 2 peóns para desbroce (9 meses), 2 varredores (9 meses), 4 limpeza de praias (6 meses), 1 auxiliar para o Departamento de Cultura (9 meses), 1 animador sociocultural (8 meses), 1 técnico informático (8 meses) e 1 técnico de información turística (8 meses).
O Concello de A Guarda recibe deste xeito unha achega da Deputación de Pontevedra por valor de 164.229,25€ para a contratación temporal de 15 desempregados, que xa se atopan dende esta semana prestando servizo.
Neste sentido a Deputación de Pontevedra colabora na promoción do emprego e permite que reforcemos o noso cadro de persoal cara ao verán para prestar os servizos que necesita unha vila turística como a nosa que ve incrementada a súa poboación de forma considerable”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario