A Xunta estenderá o programa Rexurbe a Tui, Ribadavia e A Coruña para rehabilitar inmobles nos seus cascos históricos
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anuncia no Parlamento a inclusión destes tres concellos na convocatoria dunha nova oferta de compra pública para a adquisición de edificios en conxuntos históricos, que volverá repetirse tamén este ano en Ferrol, Ourense e Betanzos
Subliña que o seu departamento está a traballar en 212 vivendas de promoción pública, tanto de obra nova como rehabilitadas, e avanza que o solo a disposición das empresas nas cidades permitirá construír arredor de 2.000 pisos protexidos
A Xunta de Galicia sacará este ano unha
nova convocatoria do programa de rehabilitación de vivendas Rexurbe, que
volverá incluír unha oferta para a compra pública de inmobles nos
cascos históricos de Ferrol, Ourense e Betanzos e estenderase tamén, por
primeira vez, aos municipios de A Coruña, Tui e Ribadavia. Así o
avanzou esta tarde no Parlamento a conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen defendeu os bos resultados
deste programa pioneiro en Galicia e avanzou que, en breve, se abrirá
outra convocatoria cun orzamento de 1,5 millóns de euros para a
adquisición de novos inmobles nestes seis municipios.
O chamado
programa Rexurbe foi convocado por primeira vez o ano pasado e ten como
obxectivo favorecer a rehabilitación de zonas degradadas e inmobles
localizados nos cascos históricos de certos municipios galegos.
Concretamente, a convocatoria de 2018 centrouse nos concellos de Ferrol,
Betanzos, Ourense e Lugo mentres que a deste ano, tal e como explicou a
conselleira, ampliarase aos cascos vellos de Tui, Ribadavia e A Coruña e
repetirase no caso de Ferrol, Betanzos e Ourense.
A conselleira
de Medio Ambiente amosouse satisfeita cos resultados deste programa no
seu primeiro ano de implantación, durante o cal se adquiriron 26
edificios nas zonas monumentais de Ferrol, Betanzos, Ourense e Lugo co
fin de obter 58 vivendas rehabilitadas, e confirmou que se lle dará
continuidade este ano, ampliando os concellos incluídos na oferta de
compra pública de 2019 en resposta ao éxito da convocatoria anterior.
A
través do Rexurbe e doutras intervencións sobre vivendas xa existentes,
a conselleira explicou que, nestes momentos, o seu departamento está a
traballar na rehabilitación dun total de 91 vivendas, ás que hai que
sumar os 121 pisos de nova planta que está a construír o Instituto
Galego de Vivenda e Solo. En total, son 212 as vivendas de protección
pública que está a impulsar a Consellería cun investimento global de 22
millóns de euros.
Así mesmo, Ángeles Vázquez lembrou que tamén as
empresas xogan un papel importante á hora de poñer vivenda protexida a
disposición dos cidadáns, sobre todo nas grandes cidades, que
concentran, dixo, a maior parte da demanda. Neste sentido, asegurou que
tendo en conta o solo que hai a disposición das empresas para a
construción de vivenda protexida no polígono de Valdecorvos
(Pontevedra), no Parque Ofimático da Coruña, en O Bertón (Ferrol), no
polígono de Garabolos (Lugo) e en San Paio de Navia (Vigo) estímase que
se poderían edificar arredor de 2.000 novas vivendas.
En todo
caso, Vázquez Mejuto tamén se referiu á importancia dos programas
deseñados pola Xunta para garantir o acceso a vivendas a prezos
reducidos en municipios de tamaño medio e pequeno, a través de liñas de
axudas como as destinadas á rehabilitación das vivendas de mestres ou o
programa de infravivenda rural.
Aposta polo alugueiro e apoio aos desfavorecidos
Na
mesma liña e para complementar a construción de vivendas protexidas e a
rehabilitación de inmobles xa existentes, a conselleira defendeu a
aposta do seu departamento polo alugueiro, en resposta a unha tendencia
cada vez maior detectada entre os cidadáns, que prefiren alugar antes
que comprar. Así, cifrou en 7,2 millóns de euros a partida reservada nos
orzamentos deste ano ás políticas destinadas ao fomento do alugueiro,
entre as que citou as axudas a promotores, concellos ou cooperativas
para a construción de pisos neste réxime, o programa de vivendas
baleiras para mobilizar estas propiedades e poñelas no mercado a prezos
limitados ou o mantemento do parque público de vivendas en aluguer.
O
último eixo das políticas de vivenda da Xunta ao que se referiu Ángeles
Vázquez foi o apoio aos máis desfavorecidos e en xeral, a aquelas
familias afectadas por procesos de desafiuzamentos, xa sexa por non
poder pagar o alugueiro ou a súa hipoteca. En resposta á situación
destes colectivos, a Consellería de Medio Ambiente conta con 12 medidas
específicas, resaltando entre elas o Programa de Realoxo de Afectados
por Execucións Hipotecarias ou o Bono de Alugueiro Social.
Así
mesmo, Vázquez Mejuto aproveitou a súa intervención no pleno para falar
da futura Lei de Rehabilitación e Rexeneración Urbana, a primeira deste
tipo coa que contará a comunidade e que o pasado mes de febreiro iniciou
a súa tramitación parlamentaria. O obxectivo, lembrou, é que esta
normativa se converta o antes posible nunha “ferramenta útil e
fundamental” para a aplicación das políticas de vivenda da Xunta e para
que a rehabilitación de inmobles resulte cada vez máis atractiva para os
cidadáns, polo que insistiu na necesidade de buscar o máximo consenso
con todos os grupos da Cámara.
Ningún comentario:
Publicar un comentario