A Xunta de Galicia declara festa de interese turístico de Galicia o San Brais de Bembrive, en Vigo
O Goberno galego duplicará o investimento para as Festas de Interese Turístico de Galicia, que suman catro novas declaracións
A Comunidade conta xa con 145 festas declaradas de interese turístico das cales 11 teñen o recoñecemento internacional, dez nacional e 124 autonómico
As festas poderán recibir este ano unha achega do Goberno galego de ata 6.000 euros grazas á colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e a Vicepresidencia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Infogauda / Vigo
O Consello da Xunta aprobou hoxe a
declaración de catro novas festas de interese turístico de Galicia que
acreditaron a súa antigüidade, singularidade, arraigamento e valor
cultural. Trátase da Semana Santa de Lugo, a Festa da Romaxe das Cruces,
en Ribadeo; a Feira do Poldro e Gando do Monte das Muras, no municipio
de Muras; e o San Brais de Bembrive, en Vigo.
A aprobación ten
lugar, precisamente, cando se está a tramitar a orde de axudas para este
tipo de celebracións, que este ano duplicará a súa partida ata superar
os 600.000 euros. Así, as festas poderán obter unha axuda por parte do
Goberno autonómico de ata 6.000 euros, o dobre que antes. Isto é posible
grazas á colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e a
Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e
Xustiza, que asinaron un acordo no marco do Pacto de Estado contra a
violencia de xénero.
Neste sentido, as axudas irán destinadas, por
unha banda, ao apoio, promoción e difusión dos eventos e, por outra, ao
impulso da campaña Agresión off, eu digo non á violencia sexual de
información e sensibilización para combater actitudes machistas nos
festexos.
Ademais, a Consellería de Cultura e Turismo conta cun
convenio coa entidade financeira Abanca, polo que cada celebración pode
acceder a unha axuda adicional de 1.500 euros.
Con estes novos
recoñecementos, aprobados no Consello da Xunta, despois da valoración
favorable por parte do Consello Galego de Turismo que tivo lugar o
pasado mes de decembro, a Comunidade conta xa con 145 festas declaradas
de interese turístico. Destas, 11 están declaradas festas de interese
turístico internacional, a máxima distinción; 10 teñen recoñecemento
nacional e as 124 restantes contan coa declaración no ámbito autonómico.
San Brais de Bembrive
Vigo
acolle desde hai máis de 350 anos a que está considerada como unha das
festas máis populares de Galicia: o San Brais de Bembrive. Trátase dunha
festividade de transmisión interxeracional na que, cada 3 de febreiro,
se xuntan devotos do Santo, así como da música ou da gastronomía. Entre
os elementos que definen esta festa destaca a romaría, o rito de poñer
unha vela ao Santo para conservar a gorxa, desfrutar do viño nos
furanchos ou comer a cachucha do porco. É de salientar tamén a tradición
musical na zona con grupos de acordeóns, corais, tunas, folk, baile
rexional, pandeireteiras e gaitas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario