Tomiño conmemora este venres o Día da Muller
Cunha concentración e lectura de manifesto diante do Concello
· Obradoiros de igualdade nos colexios, charlas para alumnado do IES, un novo mural e a obra teatral “Trinta e tantos ósos”, completan os actos organizados para conmemorar o 8 de marzo
Infogauda / Tomiño
Tomiño conmemora este venres, 8 de marzo, o Día da Muller cunha concentración e lectura de manifesto diante do Concello, ás 12:00 horas. Trátase dun sinxelo acto co que o equipo de goberno quere amosar o seu apoio á loita das mulleres pola non discriminación laboral, social, etc., así coma o seu compromiso contra a violencia de xénero.
A programación compleméntase con obradoiros de igualdade nos colexios, charla sobre educacón afectivo-sexual e novas tecnoloxías para alumnado do IES, un novo mural para salientar o papel das mulleres anónimas e a obra de teatro “Trinta e tantos ósos” (domingo 10 de marzo 18.00 horas, no auditorio), completan os actos organizados para conmemorar o 8 de marzo.
A Concellería de Cultura, Benestar e Igualdade de Tomiño, continúa en esta programación aplicando o principio de igualdade coma un principio transversal e apostando pola educación. “A comunidade educativa é un dos contextos socializadores por excelencia. Ao seu amparo, alén de adquirir coñecementos, desenvolvémonos como persoas e como parte dun colectivo; os centros educativos son un poderoso escenario no que traballar”, afirmou Sandra González Álvarez, alcaldesa de Tomiño e responsable de Educación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario