Catro Ventos Editora presenta
FEMINISMO PARA O 99 %. UN MANIFESTO
· O día 12 de marzo ás 19:30 horas, na Librería Lila de Lilith (Rúa Travesa 7 - Santiago de Compostela)
Patricia Buxán / Santiago de Compostela
A nova vaga de activismo feminista está a reinventar a folga. O manifesto do feminismo para o 99 % xorde con ese espírito.
O
12 de marzo ás 19:30 Catro Ventos Editora presenta a obra Feminismo
para o 99 %. Un manifesto na compaña da tradutora Patricia Buxán e a
escritora María Reimóndez.
O feminismo para o 99 % é anticapitalista e transnacional. Ante a actual crise política do capitalismo, convídanos á solidariedade con outros movementos radicais para actuarmos desde a nosa diversidade a fin de transformar a sociedade.
Cinzia Arruzza, Tithi Bhattacharya e Nancy Fraser son tres das promotoras da folga feminista de 2017 nos Estados Unidos. En 2018 escriben este manifesto no espírito da nova faga de activismo feminista que está a reinventar a folga: facendo paros non só nos traballos remunerados, senón tamén no traballo non-remunerado da reprodución social, revela o papel esencial que este último ten na sociedade capitalista.
A edición galega desta obra que se publica simultaneamente en doce linguas, incluída a orixinal en inglés, vai acompañada dun limiar da feminista e escritora María Reimóndez que nos axuda a situar as ideas deste movemento no contexto galego.
As autoras
Cinzia Arruzza
Cinzia Arruzza é profesora asociada da área de Filosofía na New School for Social Research de Nova York. Doutorouse na Universidade de Roma Tor Vergata e, entre outras distincións, obtivo unha bolsa posdoutoral Alexander von Humboldt. Entre as súas liñas de investigación encóntrase a metafísica e o pensamento político da Antigüidade, a teoría feminista e o marxismo.
Tithi Bhattacharya
Tithi Bhattacharya é profesora asociada de Historia do Sur de Asia e directora de Estudos Internacionais na Universidade Purdue. En 2005 publicou The Sentinels of Culture: Class, Education, and the Colonial Intellectual in Bengal (Oxford University Press) e en 2017 editou Social Reproduction Theory Remapping Class, Recentering Oppression (Pluto Press).
Nancy Fraser
Nancy Fraser é profesora de Filosofía e Política na New School for Social Research de Nova York. É autora de Fortunes of Feminism: From State-Managed Capitalism to Neoliberal Crisis (Verso, 2013) e coautora, con Rahel Jaeggi, de Capitalism: A Conversation in Critical Theory (Polity, 2018).
A editora
Catro Ventos Editora é unha cooperativa sen ánimo de lucro centrada na publicación en galego de traducións e obras de creación propia dos eidos da economía social, a ecoloxía, o consumo responsable, a crianza alternativa e os dereitos humanos.
A idea deste proceso editorial nado en 2015 e materializado en xuño de 2016 foi consecuencia da combinación de dous elementos igual de importantes: o desexo de poder desenvolver unha actividade profesional que non só sexa viable economicamente, mais tamén coherente cos principios éticos das persoas socias que participamos no proxecto; e a constatación de que existe un baleiro no mundo editorial galego nos ámbitos da economía social e da ecoloxía, malia o interese cada vez maior por estas cuestións na sociedade en xeral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario