14 de mar. de 2019

SANIDADE

O COLECTIVO PACS EN PÉ DE GUERRA SOLIDARIZANSE CON PRECARIAS POLA ATENCIÓN PRIMARIA E POSICIONANSE EN CONTRA DO CONTRATO LIXO DO SERGAS
 


 O colectivo PACs en Pé de Guerra de Vigo amosa a súa solidariedade con Precarias pola Atención Primaria, que onte expuxeron en rolda de prensa o seu rexeitamento ao contrato lixo do Sergas e á oferta de emprego trampa en Portugal. 

 O noso colectivo coincide en que este contrato non vai solucionar o problema de persoal e, incluso, pódese agravar debido ao rexeite masivo entre o colectivo de eventuais e residentes de último ano. Moitos/as destes/as pensan en buscar alternativas fóra do noso país cara a outros lugares do Estado ou de Europa como alternativa profesional, buscando non só estabilidade laboral senón tamén calidade asistencial e o recoñecemento profesional como médicos/as especialistas de mediciña de familia e comunitariado do que carecen por parte do Sergas. 

 De seguir a fuxida de profesionais, a situación que vimos denunciando na prensa dende fai meses, e que case se converteu nunha constante, vai empeorar. Nos Puntos de Atención Continuada (PAC) da nosa área estamos a vivir unha situación límite coa falta de cobertura, denegación sistemática de permisos e a obriga de cubrir ausencias en días de libranza (en ocasións a única fin de semana libre) por “necesidades do servizo”, razón que se converteu nun tótem para o Sergas para denegar os dereitos laborais das profesionais. 

 PACs en Pé de Guerra de Vigo insta a Administración a escoitar dunha vez por todas ás profesionais, convocar as oposicións necesarias para recuperar as profesionais perdidas os últimos anos nas distintas categorías, desbloquear a situación de precariedade que sufrimos en Atención Primaria con persoal e recursos para poder realizar o noso traballo coa calidade asistencial necesaria, aumentar o orzamento da atención primaria, que na nosa área sanitaria é a mais baixa de Galiza xa que se precisan recursos para os servizos sanitarios que resolven mais do 90% dos problemas de saúde da poboación. 

 Así mesmo, queremos mostrar unha vez máis o noso total apoio aos nosos xefes/as de servizo dimisionarios/as e sumámonos ao apoio da folga na atención primaria que se convoca para os dias 9, 10 e 11 de abril. A supervivencia da atención primaria pasa por unirnos todos os colectivos de atención primaria, xa que, a precariedade laboral e asistencial que vivimos ordinaria, PACs e Precarias son consecuencia das políticas de recortes e desmantelamento da sanidade da que é culpábel a Xunta. 

 A política da imposición e de facer máis con menos resultou ser unha mala política con consecuencias nefastas na poboación. Exiximos un cambio de rumbo con diálogo e consenso coas profesionais, que son as que mantemos por convicción e dignidade a sanidade pública. 

PACs en Pé de Guerra Vigo  

14 de marzo de 2019

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario