9 de mar. de 2019

OURENSE

Ourense postúlase como candidata a albergar en 2023 o Congreso Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago 

· Anunciouno onte o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto inaugural da XXXII Asemblea da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño, que reúne estes días na capital ourensá a máis de 200 representantes destas entidades culturais.      

· Baltar dixo que o goberno provincial "está sempre ao carón da cultura e de todo o que significa poñer en valor a nosa historia", e destacou que a provincia de Ourense "estase preparando con firmeza e singularidade para dous acontecementos que unen vangarda e historia, como son a chegada da alta velocidade e o Xacobeo 2021".      

· Na xornada de apertura da asemblea, que contou coa participación do presidente da federación, Luis Gutiérrez, e do presidente da asociación en Ourense, José Luis Rodríguez Cid, o presidente do goberno provincial destacou a presenza no acto de Eligio Rivas, medalla de ouro da provincia, a quen cualificou de "faro e referente da nosa etnografía".


O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar - no cnetro da imaxe - co presidente da federación, Luis Gutiérrez, e o presidente da asociación en Ourense, José Luis Rodríguez Cid
Fotos: D. OU.

Infogauda / Ourense

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, anunciou onte a tarde, no marco da XXXII Asemblea da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que a provincia de Ourense "postúlase como territorio candidato para acoller no ano 2023 o Congreso Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago", o evento máis importante do mundo Xacobeo, "non só no ámbito turístico senón tamén no emocional e sentimental". No acto inaugural da asemblea, celebrado no centro cultural "Marcos Valcárcel", diante de máis de 200 representantes de 36 asociacións de Amigos do Camiño, Baltar dixo que o goberno provincial "está sempre ao carón da cultura e de todo o que significa poñer en valor a nosa historia", e destacou que a provincia de Ourense "estase preparando con firmeza e singularidade para dous acontecementos que unen vangarda e historia, como son a chegada da alta velocidade e o Xacobeo 2021".  


Acto inaugural da asemblea, celebrado no centro cultural "Marcos Valcárcel", diante de máis de 200 representantes de 36 asociacións de Amigos do Camiño

 A xornada, que contou coa participación do presidente da federación, Luis Gutiérrez, e do presidente da asociación en Ourense, José Luis Rodríguez Cid, o presidente do goberno provincial destacou a presenza no acto de Eligio Rivas, medalla de ouro da provincia, a quen cualificou de "faro e referente da nosa etnografía", salientando que a Deputación de Ourense o distingue con este recoñecemento "polas importantes achegas que fixo nos ámbitos da toponimia, a etimoloxía e a lingua galega, distinguindo a súa longa traxectoria intelectual marcada polo seu carácter de traballador incansable e a súa implicación no estudo e difusión dos principais valores culturais da nosa provincia".  

 Baltar remarcou a importancia "que tivo e ten" a provincia de Ourense no eido cultural e histórico, e referiuse á exposición In tempore sueborum, "que acolleu o ano pasado a máis de 45.000 visitantes na mostra máis multitudinaria na historia de Ourense".  

 Manuel Baltar destacou que Ourense "estará dentro dun ano a dúas horas e doce minutos de Madrid, a catro horas de Valencia, a cinco horas e media de Sevilla, e será un "aeroporto terrestre" pola capacidade de conectividade que teremos e pola mellora das comunicacións, o que suporá, sen dúbidas, un pulo económico e social para a nosa provincia, a provincia termal de Europa, co mar interior máis quente. Todo elo, unido á nosa cultura, historia, gastronomía e riqueza natural, serán motivos para visitarnos. E a gran aposta polo territorio en todos os seus ámbitos, desde a agroindustria ao turismo intelixente, pasando pola innovación nos sectores máis punteiros da nosa actividade económica e formativa".  

 "En todo ese mundo de oportunidades que se nos abre temos que apostar polo Camiño e polo que supón de concordia, unión dos pobos e cooperación, palabra clave esta para a Deputación de Ourense", expresou Baltar.  

 Pola súa banda, o presidente da federación agradeceu o apoio de Manuel Baltar e a acollida a esta XXXII asemblea, "porque tanto o presidente Baltar como a provincia de Ourense fan algo moi importante: amosan hospitalidade e acollemento, as características que máis valora o peregrino", dixo Luis Guitiérrez. Nesta mesma liña, José Luis Rodríguez Cid destacou que desde as asociacións de Amigos do Camiño "promovemos e protexemos esta realidade histórica e cultural que hoxe, aquí, amosa o seu bo facer coa presenza de tantos representantes chegados a Ourense".  

 Con este acto, que contou no apartado musical coa participación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, ábrense uns días de debate, ata o vindeiro 10 de marzo, no que os congresistas analizarán a actualidade do Camiño, a súas problemáticas e os novos retos tecnolóxicos e cartográficos, na antesala do que será o Xacobeo 2021.

Ningún comentario:

Publicar un comentario