ÁNXELA FERNÁNDEZ (CANDIDATA DO BNG Á ALCALDÍA): “QUERO CONVERTER EN REALIDADE A PAIXÓN DE CONSTRUÍR UN FUTURO MELLOR PARA O ROSAL”
“Lidero un equipo que vai converter ao Rosal noutro referente no Baixo Miño”
“Dende a humildade, con traballo, esforzo e ilusión, O Rosal unirase á senda que colleu Tomiño con Sandra”.
“Gobernar implica planificar e tomar decisións en base a un proxecto, e non só facer as cousas de boa fe”
Ánxela Fernández Callís, candidata á alcaldía do Rosal, dirixíndose ás numerosas persoas que asistiron á presnetación da candidatura
Sandra González Álvarez, alcaldesa de Tomiño acudiu para apoiar a Ánxela Fernández e súa candidatura
Infogauda / O Rosal
O BNG do Rosal presentou este xoves día 28 de marzo de 2019 a candidatura coa que concorrerá ás próximas elección locais, nun acto con momentos de grande emotividade e nun ambiente onde se respiraba ilusión.
“Quero ser alcaldesa do Rosal para ter a oportunidade de converter en realidade a paixón de construír un futuro mellor para o noso pobo” proclamou Ánxela Fernández Callís. Na mesma liña continuou a súa intervención dicindo estar convencida de “contar co mellor equipo de persoas e de goberno que podía imaxinar para facelo. Un equipo cun equilibrio perfecto. Cheo de ganas, traballo, ilusión e compenetración, formado por persoas que por primeira vez decidiron dar un paso adiante comigo e sumar na construción dun proxecto de futuro para o noso pobo e co apoio e a reactivación de todas esas persoas con anos de experiencia no proxecto do BNG”, subliñou.
Ánxela Fernández, apelou ao sentido da responsabilidade que representa ter asumido ser a candidata á alcaldía, porque para ela “ser alcaldesa vai moito máis alá de tentar facer as cousas de boa fe ou dar unha solución rutineira aos problemas que xorden no devir do funcionamento diario do Concello. Porque gobernar é moito máis ca todo iso”, afirmou.
“Gobernar implica planificar e tomar decisións en base a un proxecto que mellore a realidade do noso pobo e, desde a humildade, síntome capaz, con ilusión, as ganas, o traballo, o esforzo e a motivación precisos para lideralo”.
Así mesmo manifestou sentirse “con forza e respaldada para converter ao Rosal noutro referente no Baixo Miño, seguindo a senda de cambio iniciada por Tomiño fai anos”.
Ánxela rematou facendo unha mención a unha conversa cos seus avós, despois de lles anunciar que sería a candidata do BNG á alcaldía, na que a súa avoa lle comentara: “Pois entón acaso as mulleres non levamos gobernando as nosas casa toda a vida? E logo? Non din que o concello é a casa de todos? Pois se o Concello é a casa de todos e as mulleres levamos gobernando as nosas casas toda a vida, como mulleres coma ti non van ser quen de gobernar ben o Concello! Ti vales muito, tes que conseguir que a xente confíe en ti! Así que dálle duro”, no que resultou ser un momento cargado de emotividade.
“Por eles, polos nosos avós e avoas, porque para min son un exemplo de traballo, de loita, de sacrificio, porque tiveron que loitar moito e moi duramente para sacar ás súas familias adiante, porque a eles debémoslle unha gran parte dos dereitos que hoxe temos consolidados como persoas e como sociedade, porque son patrimonio vivo, historia viva do noso pobo. Por eles tamén quero ser a vosa alcaldesa!” rematou.
Un concello cheo de potencialidades, non pode deixar pasar a oportunidade de cambio
Antes a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, puxo como exemplo o cambio que fai anos se produciu no seu concello, e que agora é referencia na comarca, e fixo un chamamento a non deixar pasar a oportunidade de cambio no Rosal. “Hai momentos nos que pasan as oportunidades por diante da porta e hai que saber apostar por elas”, indicou.
“O Rosal é un concello cheo de potencialidades, ten nome, ten unha xente que sempre admirei pola capacidade de traballo, capaz de pelexar e sacar adiante os seus proxectos de vida, dende hai anos tedes unha banda que era a admiración da comarca, no deporte o balonmán: un concello pequeno na elite do deporte estatal; a horta, o viño…. Sería unha pérda de oportunidades e unha pena non ter para o futuro un goberno no concello que acompañe esa capacidade de arranque e de emprendemento que tendes os veciños e veciñas do Rosal”, proclamou .
Nese sentido manifestou que “Ánxela ten coñecementos e capacidade para liderar ese cambio e sobre todo ten moitas ganas de estar aí e dalo todo día a día, porque cando os veciños te elixen es consciente de que o que estás a facer é mellorar o teu pobo e a túa xente. E iso Ánxela vai ser quen de facelo sen dúbida ningunha”.
“Ánxela e o seu equipo son a aposta segura nestas municipais no Rosal, non o dubidedes, con forza, con ilusión é posible”, subliñou.
Facer do Rosal un concello atractivo para a veciñanza
Germán Fernández Rodríguez, segundo na candidatura nacionalista, e persoa vinculada ao balonmán, incidiu na necesidade de “traballar para facer do Rosal un lugar atractivo para a veciñanza, e tamén para os emprendedores”. Nese sentido manifestou a necesidade de potenciar e dinamizar o comercio así como de crear unha oferta cultural acorde ao tecido asociativo e cultural local.
Implicación da xuventude
Pola súa banda, Sara Vicente Salcidos, candidata número catro na lista, manifestou a “necesidade de que a xuventude se implique para poder cambiar as cousas”. Así mesmo mostrou a súa satisfacción por formar parte dun equipo liderado por Ánxela, “unha persoa traballadora, comprometida e capaz. E ao mesmo tempo, un equipo moi heteroxéneo de persoas moi preparadas, con moitas ganas, enerxía e, sobre todo, con moita ilusión por ter a oportunidade de gobernar e poder así construír un futuro mellor para o Rosal”.
A presentación do acto correu a cargo de Carlos Villanueva Domínguez, actual concelleiro, que fixo un repaso do traballo realizado ao longo da lexislatura que agora remata.
Ningún comentario:
Publicar un comentario