28 de mar. de 2019

O ROSAL

ENCONTRO CON PROFESIONAIS NO CPI MANUEL SUÁREZ MARQUIER 

· Preto de 60 rapaces e rapazas escoitaron as experiencias persoais de 5 profesionais e ao termo fixeron preguntas relativas ás súas exposicións


Preto de 60 rapaces e rapazas escoitaron as experiencias persoais destas 5 profesionais
Fotos: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O executivo municipal do Concello do Rosal fixo público que onte, 27 de marzo, tivo lugar no CPI Manuel Suárez Marquier o “Encontro con profesionais”. Esta actividade está organizada pola Concellería de Educación dentro das accións de formación e orientación que ven realizando. 


A alcaldesa Mª Carmen Alonso Alonso asistiu ao inicio do acto e felicitou ás 5 mulleres participantes

 A alcaldesa Mª Carmen Alonso Alonso asistiu ao inicio do acto e felicitou ás 5 mulleres participantes, todas elas grandes profesionais do seu sector. Nesta ocasión foron invitadas mulleres que desempeñan o seu labor profesional en sectores tradicionalmente masculinos. 

 Eva Baz Cerqueira, arquitecta representando ao sector da construcción; María Silva Portela, do departamento de vendas, e Gloria Rodríguez Pacheco, enxeñeira, ambas as dúas da empresa Mecalia do sector do metal; Almudena Verde Pérez, armadora de buque de pesca no sector do mar; e Estefanía Suescun Fraile, ex militar e conductora de autobús polo sector do transporte e corpo militar respectivamente. 

 Preto de 60 rapaces e rapazas escoitaron as experiencias persoais destas 5 profesionais e ao termo fixeron preguntas relativas ás súas exposicións. Preguntóuselles  se por ser mulleres teñen que demostrar máis que un home, se a conciliación familiar é fácil ou se a formación complementaria debe ser continua, sobre a importancia dos idiomas na contorna laboral e se o traballo en equipo é fundamental para o éxito profesional. 

 Esta actividade anual que comenzou no ano 2016 conta cun enorme éxito entre a comunidade educativa.  

EVA BAZ CERQUEIRA 

 Eva é arquitecta e ten o seu estudo Baz/Goce/Senra no Rosal. E é o claro exemplo de que non sempre o camiño recto é o mellor. Eva é da Guarda e alí completou os seus estudos obrigatorios. Ao terminar foi á Sangriña a estudar bacharelato pero sentía que ese non era o seu sitio. Coincidindo no tempo, a súa familia foi a Vigo e alí retomou os seus estudos e terminou bacharelato. A continuación estudou Deseño de interiores e ao término empezou no mundo laboral. Traballou nunha empresa do sector, pero Eva seguiu formándose e despois dun tempo matriculouse na carreira de arquitectura na Escola Superior Gallaecia (ESG) de Vila Nova de Cerveira. Desde o ano pasado ten o seu estudo Baz/Goce/Senra no Rosal con outras dúas socias. É autónoma e unha persoa inquieta que segue formándose e que nos contará a importancia dunha formación continua.  

MARÍA SILVA PORTELA

 María é encargada de vendas na empresa de metal Mecalia. É da Guarda onde estudou toda a súa educación obrigatoria. Ao terminar o bacharelato María estudou en Santiago de Compostela e posteriormente en Vigo a carreira de Administración e Dirección de empresas. Antes de iniciar a súa andaina na empresa familiar Mecalia, adicada ao sector do metal, María realizou numerosos cursos de formación que a irán preparando para asumir a responsabilidade como terceira xeración á fronte a empresa familiar. María contounos a súa experiencia laboral nunha contorna tan masculina como o sector do metal.  

GLORIA RODRÍGUEZ PACHECO 

 Gloria é enxeñeira na empresa Mecalia. É da Guarda e alí realizou os seus estudos obrigatorios. A continuación estudou Enxeñería na Universidade de Vigo. Os seus inicios non foron fáciles: a mocidade, as responsabilidades familiares e a contorna tan masculina na que se desenvolvía… Pero en pouco tempo Gloria continuou formándose e ampliando as súas metas polo que hoxe en día é unha traballadora de moita estima na empresa Mecalia. Gloria falounos directamente das dificultades que en ocasións supón conciliar a vida familiar, laboral e persoal.  

ALMUDENA VERDE PÉREZ

 Almudena é armadora dun buque pesqueiro, e a día de hoxe é unha das mulleres que desempeñan esta profesión na Guarda. É de Camposancos (A Guarda), e estudou o ciclo de administrativo na Sangriña. Almudena pódenos falar perfectamente de se a vocación nace ou se fai, xa que ela nunca imaxinou adicarse ao mundo do mar, xestionando todo o relacionado co barco do seu marido. Almudena desde terra encárgase dos trámites relacionados cos contedores, permisos aduaneiros, abastecemento de víveres, combustible, etc. A contorna na que traballa require coñecementos moi precisos e idiomas a nivel marítimo pesqueiro. Neste caso, a nosa historia persoal lévanos ao que será o noso futuro laboral.  

ESTEFANÍA SUESCUN FRAILE

 A mellor forma de presentar a Estefanía é dicir que foi militar e actualmente é condutora de autobuses. Fanny é a única que non é da nosa zona, é madrileña de nacemento, pero rosaleira de corazón. Alí en Madrid realizou os seus estudos, pero xa desde moi nova era unha moza inquieta e con iniciativa. Estudou o Ciclo Superior de Administrativo, pero sempre tivo claro que o seu futuro laboral non se ía a limitar a un despacho. Preparou e superou as probas de acceso ao corpo militar e alí, xunto con outra compañeira, foron as 2 primeiras mulleres en entrar na 1ª liña do corpo de combate. Despois dun tempo veu ao Rosal, formou a súa familia e empezou a formarse en diferentes campos. Na actualidade é condutora de autobús nunha empresa local e falounos do que supón romper barreiras e teitos de cristal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario