28 de mar. de 2019

MADRID



A  CAMOVI CORRE ATA MADRID

A Carreira de Montaña polos montes da localidade lucense de Viveiro,  CAMOVI, presentouse na Delegación da Xunta na capital de España ante medios e profesionais



O delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega e a alcaldesa de Viveiro, Marisol Loureiro, coa imaxe icónica da CAMOVI, Ramón Blanco, e os intervinientes no acto 
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 A IX Carreira de Montaña polos montes de Viveiro,  CAMOVI, que se celebrará na costeira  vila lucense, o día 27 de abril e que conta cun espectacular trazado circular desde o que, prácticamente pódese contemplar o mar en todo momento, presentouse esta mañá na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia. Son 42 kms de “puro monte galego” aínda que tamén está a posibilidade da  CAMOVI 18 K, un  trail  máis curto de 18 quilómetros para os principiantes e que comparte a última etapa da carreira longa. É unha cita para os amantes deste deporte que se desenvolve nunha contorna privilexiada, chea de atractivos gastronómicos, culturais e turísticos.


Máis de medio centenar de persoas acudiron a presentación en Madrid da CAMOVI


 No acto interviñeron, na parte institucional, o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López; o deputado do Goberno Interior e Relacións Institucionais da Deputación Provincial de Lugo, Álvaro Santos Ramos; e a alcaldesa de Viveiro, Marisol Loureiro; mentres que a parte técnica correu a cargo do director e creador da CAMOVI, Pedro  Esmorís; o organizador da CAMOVI, Horacio  Albo; e a actriz e corredora,  Estívaliz Veiga.
 
 Ónega, tras as palabras de benvida, lembrou a súa vinculación vital con Viveiro, “cidade da que gardo  gratísimos recordos por pasar tempadas na casa do meu tío e sacerdote, D. Antonio”. Da  CAMOVI destacou o seu espectacular percorrido pola Mariña, “unha zona que o ten todo”.
 
 Para Álvaro Santos, “esta carreira é un orgullo para Lugo e a súa provincia”.

 Para a alcaldesa Loureiro, “este evento ofrece aos participantes os elementos necesarios para gozar dunha proba única, un destino turístico de gran calidade e unha gastronomía excelente”.
 
 Estívaliz Veiga  mostrouse “entusiasmada” porque este ano será o primeiro que vai correr a  Camovi, “e estouno desexando”.
 
 Pola súa banda, Pedro Esmorís, falou das orixes da carreira e a súa evolución. “Como deportista de diferentes deportes que se desenvolven na natureza, e de conversacións, practicando co meu cuñado Felipe Martínez, xurdiu a idea de crear unha carreira que pasase por todas as montañas máis altas que rodean Viveiro... E estamos na IX novena edición”. 

 Horacio Albo expuxo as diferentes modalidades, para todos os corredores,  C42 K;  C21 K;  C10 K;  C45  K Relevos; a  Ckids pensada para os máis pequenos e  Andaina, para camiñar, en vez de correr. Ademais A  CAMOVI é  ecosostenible: nela aplícanse as 3 R: Reducir, Reciclar e Reutilizar. 
 
 Tamén lembraron ao corredor Ramón Blanco, “un heroe e un exemplo para todos”, veciño de Viveiro,  lutier, que vive en Venezuela e que correu a  Camovi con case 80 anos, “é todo un símbolo”.

 E do maior, ao máis novo, o atleta Adrián Ben Montenegro, que a correu con 13 anos e agora ostenta varios títulos nacionais e internacionais.

 Para finalizar, os asistentes foron obsequiados con “catro  avituallamentos”, servidos nas creacións do artista e ceramista local con proxección internacional, Otero Regal.

 Proxectáronse varios audiovisuais nos que quedou patente a dureza de próba pero tamén a espectacularidade do trazado e a súa contorna. Ademais, toda a xente da comarca envórcase cos corredores, algo que os deportistas agradecen sempre. A cita para a novena edición, que a pesar da súa breve historia xa se consolidou como “un dos eventos deportivos máis importantes do panorama español para os amantes deste deporte,  será o 27 de abril”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario