Alguén que respira!' congrega na capital galega máis de medio cento de artistas para celebrar a poesía
O Teatro Principal compostelán acolle entre o 21 e o 23 de marzo a segunda edición do festival promovido polo Concello e pola Consellería de Cultura e Turismo con motivo do Día Internacional da Poesía, no que se darán cita máis de cincuenta poetas, performers, músicos e actores
O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na rolda de prensa de presentación, acompañado da concelleira de Acción Cultural e do director artístico do encontro
Infogauda / Santiago de Compostela
Alguén que respira! II Festival de
Poesía para o Corpo Principal, promovido polo Concello compostelán e
pola Consellería de Cultura e Turismo e posicionado desde a súa primeira
edición como un dos máis importantes encontros arredor da poesía de
toda a Península, congrega na capital galega durante a semana que vén,
do 21 ao 23 de marzo, máis de cincuenta poetas, performers, músicos e
músicas, actores e actrices para celebrar a poesía como forza
aglutinadora da cultura.
O secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García, participou hoxe na rolda de prensa de
presentación, na que estivo acompañado pola concelleira de Acción
Cultural, Branca Novoneyra, e polo director artístico do encontro, Antón
Lopo.
“Alguén que respira! é moito
máis que un festival de poesía, xa que tamén aposta pola oralidade, que
é fundamental para promocionar o uso da lingua entre a mocidade, un dos
principais eixos de traballo da política lingüística neste momento",
declarou Valentín García. Neste sentido lembrou "a importancia da fala
na dinamización do idioma propio de Galicia e o éxito de fenómenos
vencellados a ela e baseados na improvisación e no dominio da lingua na
oralidade, como a regueifa, que vive hoxe un momento de total
expansión".
No ambicioso programa, caracterizado pola aposta da
oralidade, figuran nomes como Xosé Luís Méndez Ferrín, o poeta chileno
Raúl Zurita, a brasileira Elisa Lucinda, Pilar Pallarés, a portuguesa
Golgona Anghel, a catalá Sònia Moll, Alejandro Palomas, Estevo Creus ou
José Luis Piquero.
Tres días para celebrar a poesía
O II Alguén que respira!
comezará o propio 21 de marzo, Día Internacional da Poesía, co
lanzamento de 300 bombas de palenque dende o barrio das Galeras, que lle
dará paso ao encontro máis esperado do famoso colectivo galego
Ronseltz, en voga a mediados dos anos oitenta, no Principal. Xosé Luís
Méndez Ferrín será encargado do acto central do programa e de ler o
Manifesto galego do Día da Poesía asinado por el, acompañado por Pilar
Pallarés e Estevo Creus, en representación da lingua galega; Golgona
Anghel pola portuguesa; Sònia Moll pola catalá e José Luis Piquero pola
casteláa. Pechará o acto o chileno Raúl Zurita, unha das voces máis
famosas do panorama internacional.
A oralidade centrará a xornada do 22 de marzo, con slam,
actuación dos bertsolaris vascos e un recital de propostas de música e
poesía, coa participación de Iolanda Zúñiga, Oriana Méndez, Carmen
Conde, Vanessa Glemsel, Luix Kaf, Malvares de Moscoso, Clara Gayo e
Silvia Casal. Jon Maia e Amets Arzallus, dous dos bertsolaris vascos
máis prestixiosos, actuarán no Principal. Pechará o día un recital de
poesía con García Mc & LAR Legido, Lucía Aldao e Pablo X Suárez e
Dudu.
Xa na terceira xornada do festival, está prevista a estrea
do proxecto poético e musical no que colaboran a poeta Nuria Vil e a
banda de rock, psicodelia e new wave Rabuda. Ademais, o programa chegará
aos recunchos máis inaccesibles do Teatro Principal coa sección Atravesei a cerca,
na que participarán Gonzalo Hermo, Elena Medel, Ana Romaní e Chus
Silva, Alejandro Palomas e Margarita Ledo. Todos eles protagonizarán
accións individuais para grupos reducidos de 20 persoas cada un. O
festival clausurarase cun recital de grande intensidade da man de sete
artistas: Alfredo Rodríguez e Mónica Caamaño, cun traballo sobre versos
de Jesús Castro, Xela Arias, Olga Novo ou Chus Pato, Afonso Traficante,
Félix Fernández, Silvia Penas, Hard GZ e a brasileira Elisa Lucinda.
Actividades paralelas e estreas absolutas
O festival complétase cun programa matutino de sesións de conversa con Café con Moha,
sobre temas vinculados coa poesía, como a importancia do corpo nas
novas linguaxes líricas, o escenario como soporte, a esencia do poema ou
o reto de publicar poesía na actualidade. Na iniciativa participarán
poetas como Raúl Zurita, Elena Medel, Marta Dacosta, Henrique
Alvarellos, Pablo X Suárez, Sònia Moll, Mario Regueira, Wladimir Vaz,
Miguel Anxo Fernán Vello, Mónica Caamaño, Luís Tosar ou Elisa Lucinda,
moderados polos xornalistas Daniel Salgado, María Obelleiro, Caetano
Díaz, Francisco Novo e Anxo Quintela.
O encontro fai este ano,
ademais, un esforzo no impulso da produción propia e acollerá nove
estreas absolutas de Margarita Ledo, Ana Romaní, Nuria Vil, Mónica
Caamaño, Alfredo Rodríguez, Garcia Mc & LAR Legido, Félix Fernández,
Afonso Traficante e Silvia Penas. As entradas para as diferentes
actividades son de balde e poderanse retirar na billeteira do Teatro
Principal a partir do próximo martes, 19 de marzo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario