O Gaiás dinamiza ‘Valor e mestría’ cunha programación que revivirá partidos épicos ou xuntará futbolistas da elite con escolares
As actividades arrancan o vindeiro mércores cunha mesa redonda sobre fútbol feminino, vencellado ás accións da Cidade da Cultura polo ‘Día da Muller’
Coa colaboración de La Liga Genuine Santander, realizarase un encontro con experiencias persoais sobre o valor do fútbol como ferramenta de inclusión social
Esta variada e ampla programación estenderase ata a clausura da exposición, o 1 de setembro, e conta coa colaboración da Federación Galega de Fútbol, La Liga Santander, a Secretaría Xeral de Igualdade, Futsal e Viaqua
A Cidade da Cultura de Galicia prepara
unha ampla e variada programación para arroupar e dinamizar ‘Valor e
mestría. Galicia como fútbol’
Foto: X. G.
Infogauda / Santiago de Compostela
A Cidade da Cultura de Galicia prepara
unha ampla e variada programación para arroupar e dinamizar ‘Valor e
mestría. Galicia como fútbol’, a exposición máis completa sobre os 143
anos da historia deste deporte na nosa comunidade e que se pode ver ata o
1 de setembro no Museo Centro Gaiás. Entre o abano de actividades
atópase un encontro de escolares con futbolistas da elite; a
retransmisión de partidos épicos polos mesmos xogadores que os viviron;
ou unha xornada con experiencias en primeira persoa sobre o valor do
fútbol como ferramenta de inclusión social e de superación persoal.
As
actividades —para as que se conta coa colaboración da Federación Galega
de Fútbol, La Liga Santander, a Secretaría Xeral de Igualdade, Futsal e
Viaqua— arrancan o vindeiro mércores, día 6, cunha mesa redonda sobre
fútbol feminino, contado polas súas protagonistas e que está vencellada
ás celebracións do ‘Día Internacional da Muller’, que se conmemora o 8
de marzo.
A moderadora é Cristina López Villar, doutora e mestra
da Universidade da Coruña e que tamén colabora no catálogo da exposición
‘Valor e mestría. Galicia como fútbol’. Como intervenientes estarán Lis
Franco, estrela do equipo feminino Karbo; e Nuria Rábano, extremo do
Deportivo e finalista coa Selección Española, tamén no Mundial Sub-20.
Ademais,
vencelladas con esta exposición, a Cidade da Cultura organiza durante
semana do ‘Día Internacional da Muller’ visitas comentadas á exposición
‘Valor e mestría’, centradas especificamente no papel da muller neste
deporte, que tivo como pioneiras a principios do século pasado a famosa
porteira Irene e ao equipo Estradense, de Viveiro. Xa en 1981 a
formación coruñesa Karbo, foi a primeira en ser campioa de Liga feminina
en España; e, na actualidade, contamos como referente do fútbol
internacional feminino a galega Verónica ‘Vero’ Boquete. Esta compostelá
foi a primeira española en erguer unha Copa da Champions League
Feminina.
Fútbol como ferramenta de superación
A seguinte
actividade será en abril cunha mesa redonda sobre o valor do fútbol como
ferramenta de inclusión social e de superación persoal, onde se
achegarán experiencias destacables e persoais. Para iso, contarase coa
participación do clubs galegos que forman parte actualmente de La Liga
Genuine Santander. Esta Liga é unha experiencia pioneira no mundo, e
está organizada por La Liga Santander, a través da súa Fundación, e está
formada por equipos de persoas con discapacidade intelectual.
Será
durante o mes de maio será cando se celebren encontros de escolares de
fútbol base con futbolistas da elite. Trátase de xuntar alumnado de
centros educativos cun futbolista profesional en horario escolar. O
formato será de 3 futbolistas diferentes en 3 días. Contarase para esta
actividade coa participación dunha ou dun xornalista deportivo que
centrará a conversa no deporte ao longo da vida desde as categorías
inferiores, desafíos no deportista adolescente, e as adaptacións ás
novas culturas, ás novas realidades e cidades que viven no seu periplo
como xogadores.
Homenaxe aos clubs pioneiros de Galicia
‘Valor
e mestría’ tamén se verá dinamizada por unha homenaxe no mes de xuño
aos clubs pioneiros en Galicia. Para isto, levarase a cabo unha
actividade con representantes de todos estes equipos, que incluirá unha
mesa redonda —moderada por un dos comisarios da exposición, Rubén
Ventureira— e proxección de imaxes históricas destas formacións.
En
agosto, organizaranse na Cidade da Cultura encontros con seareiros e
seareiras — provenientes de peñas de equipos galegos— con ex futbolistas
profesionais e que son referentes históricos para estas asociacións de
afeccionados. Deste xeito, celebraranse na exposición visitas temáticas
facendo fincapé na historia de cada equipo e nos obxectos presentes en
‘Valor e mestría’ relacionadas cos mesmos.
Revivir partidos épicos cos seus protagonistas
Na
Cidade da Cultura de Galicia tamén se revivirán fazañas e épicas
futbolísticas gloriosas de clubs ao retransmitir partidos históricos
como o Dépor-Valencia de 1995 ou Celta-Benfica de 1999, comentados por
parte dos seus protagonistas.
Trátase de ver o partido íntegro,
para que as e os afeccionados poidan revivilo, pero co gran valor
engadido que suporá que os comentarios que se escoitarán mentres se ven
as imaxes serán dalgúns dos xogadores que viviron ese momento tan
importante para a historia do seu club.
O programa de actividades
completarase con xornadas de xornalismo deportivo, nas que se intentará
contar cos máximos referentes en comunicación de deportiva; con visitas á
exposición ‘Valor e mestría’ por parte da primeira plantilla dos clubs
de fútbol galego; xunto a outras accións que están a ser xestionadas e
pechadas neste momento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario