A antoloxía ‘Arrincando marcos 2019’ achega Galicia a Portugal a través da poesía
Valentín García asistiu hoxe á presentación da publicación de Edicións Positivas que sae do prelo co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística
O volume recolle poemas de Eduardo Estévez, Paula Carballeira, Quico, Raúl Gómez Pato, Roi Vidal, Rosalía Fernández Rial, Suso Díaz e Xabier Xil Xardón
O secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe pola mañá á presentación da
nova antoloxía de poesía galega Arrincando marcos 2019
Foto: X. G.
Infogauda / Santiago de Compostela
O secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe pola mañá á presentación da
nova antoloxía de poesía galega Arrincando marcos 2019,
que sae do prelo co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística
no marco da iniciativa do mesmo nome que busca dar a coñecer a poesía da
Galicia actual en Portugal como medio de superar as barreiras que nos
separan deste país.
García Gómez quixo “reiterar” a disposición do
departamento que dirixe “a divulgar dentro e fóra dos límites de
Galicia a literatura de altísima calidade que se está facendo agora
mesmo en galego e mais a fomentar iniciativas culturais que contribúan a
achegar dous pobos irmáns pola lingua que, en moitos momentos,
semellaron vivir de costas un ao outro”. O editor Paco Macías, de
Positivas, acompañou na presentación ao secretario xeral de Política
Lingüística.
8 poetas para arrincar marcos en 2019
Eduardo
Estévez, Paula Carballeira, Quico, Raúl Gómez Pato, Roi Vidal, Rosalía
Fernández Rial, Suso Díaz e Xabier Xil Xardón son os oito poetas
representados na antoloxía de poesía actual galega Arrincando marcos 2019,
que Edicións Positivas publica co nome dunha iniciativa xurdida para
arrincar algúns dos marcos que marcan os límites entre Galicia e
Portugal impedindo que a poesía, a cultura e a vida flúan en liberdade e
por riba das fronteiras políticas. Os oito estarán o vindeiro sábado 30
de marzo na Livraria Poetria da cidade portuguesa do Porto para leren
os seus textos e dalos a coñecer máis alá da Raia no que o propio editor
cualificou como “desembarco da poesía galega no Porto”.
No libro,
os textos de cada un dos oito autores van precedidos dunhas breves
notas biobibliográficas e dunha autopoética que permiten situar a cada
escritor e ir tecendo o panorama da poesía galega máis recente.

Ningún comentario:
Publicar un comentario