PATRIMONIO
A PRODUCIÓN DE SAL ENTRE A PROTOHISTORIA E A ANTIGÜIDADE NA COSTA DA GUARDA E VIANA DO CASTELO
· Tema do Encontro Monográfico co Patrimonio Cultural que terá lugar o venres 29 de marzo de 2019 na Casa dos Alonso
Infogauda / A Guarda
Organizado polo Consello da Cultura Galega, Sección de Patrimonio e Bens Culturais (CCG), coa colaboración do Concello de A Guarda e o Proxecto Mar de Sal, e coordinado pola Dra. Rebeca Blanco-Rotea, a Casa dos Alonso acollerá o vindeiro venres 29 de marzo un ciclo, encadrado nos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural, sobre a produción de sal entre a Protohistoria e a Antigüidade na Costa da Guarda e Viana do Castelo.
Os
Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural son unha iniciativa
levada a cabo pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da
Cultura Galega que comezou en novembro de 2015. A intención destes
Encontros era xerar un espazo de difusión, debate, encontro e
coñecemento arredor de diferentes proxectos que afectan ao patrimonio
cultural en xeral e que moitas veces non chegan a un público amplo por
diferentes motivos. Os encontros acollen a calquera persoa que se queira
achegar a este espazo, ben sexa un profesional da xestión do patrimonio
ou da cultura, ben sexa unha investigadora / investigador ou calquera
axente social que teña interese polo patrimonio. Os protagonistas dos
encontros son sempre o elemento patrimonial e o debate arredor del. Os
encontros focalizáronse até o de agora en proxectos de arqueoloxía,
rehabilitación, arquitectura, historia da arte ou mesmo en enfoques
interdisciplinarios; pero tamén na xestión patrimonial, na divulgación
do patrimonio, na participación cidadá e no conflito patrimonial; en
patrimonios esquecidos e vivos, materiais e inmateriais, amigables ou
conflitivos; nas políticas patrimoniais, nos encontros e des-encontros.
Como se pode ver, nun abano moi amplo ao longo dos 23 Encontros
anteriores.
No
ano 2018 puxeron en marcha o programa IN SITU, que traslada a difusión e
reflexión ao contexto xeográfico e social dos bens, analizando no mesmo
lugar as realidades patrimoniais. IN SITU quere contribuír a evidenciar
a necesidade desa análise, pero tamén a crear outros lugares de
reflexión fóra do seu habitual espazo na sede do CCG en Santiago de
Compostela. Para este ano 2019, a temática seleccionada dentro deste
programa é “A produción de sal en época romana no sur de Galicia e norte
de Portugal”, sobre a que realizaranse dúas xornadas: o 29 de marzo na
Guarda e o 30 de abril en Vigo, e que terán como obxectivo a reflexión
arredor de diferentes proxectos que, ao longo dos últimos anos,
interviñeron en distintos xacementos do sur de Galicia e do norte de
Portugal relacionados coa produción de sal en época romana, de xeito que
poidamos obter un panorama xeral sobre esta práctica no noso contexto
xeográfico.
Foto: C.A.G.
O sal desempeñou un papel de grande importancia na economía da Antigüidade. Con usos domésticos, simbólicos e médicos de todo tipo, foi sobre todo un compoñente fundamental na industria de salgadura, tanto no comercio de peixe salgado como na preparación de prebes. Ao longo das dúas últimas décadas, o avance da investigación arqueolóxica permitiu documentar un importante conxunto de explotación do sal ao longo da costa da antiga Gallaecia. Neste encontro falarase dos resultados do proxecto Mar de Sal no estudo das evidencias de aproveitamento do sal durante a Protohistoria e da gran transformación que experimentou a industria salineira a partir da chegada do Imperio Romano coa implantación de grandes salinas mariñas.
PROGRAMA
17:00 horas
Presentación
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega
17:15 horas
O proxecto Mar de Sal e o estudo das paisaxes do sal da Antigüidade
Brais X. Currás, arqueólogo, Universidade de Coimbra-CEAACP
18:00 horas
As intervencións nas salinas de Oia e O Seixal
Mar Cortegoso Comesaña, arqueóloga profesional
18:45 horas
A exploração de sal na Proto-História. O exemplo de Viana do Castelo
Miguel Costa, Tiago Brochado e Jorge Machado, arqueólogos, Câmara Municipal de Viana do Castelo
19:30 horas
Debate
LUGAR:
Casa dos Alonso
Praza do Reló, 1
36780 A Guarda
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado.
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
MÁIS INFORMACIÓN
difusion@consellodacultura.gal
Ningún comentario:
Publicar un comentario