27 de mar. de 2019

A GUARDA

O Concello de A Guarda e Érguete Baixo Miño traballan na prevención das condutas aditivas    


  A reunión tivo lugar no Concello de A Guarda e foi presidida polo alcalde
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A demanda do alcalde, Antonio Lomba Baz, na mañá do pasado martes día 26 de marzo celebrouse no concello de A Guarda unha xuntanza a que asistiron representantes da asociación Érguete Baixo Miño, a concelleira de Asuntos Sociais, Mª Tere Vicente Baz, ademais dunha traballadora social e a educadora familiar do concello guardés.

 Segundo deu a coñecer no día de hoxe o executivo municipal do concello guardés o “obxectivo da xuntanza era coñecer o punto de vistas dos servizos sociais do concello e da asociación Érguete Baixo Miño, respecto da posible causa do incremento de roubos que se ten producido durante os últimos días no comercio local. Tendo en conta que existen indicios de que os presuntos responsables destes actos delitivos están relacionados co mundo das drogas

 As mesmas fontes salientaron que os asistentes a reunión coincidiron que detrás dos incidentes ilícitos están as vítimas que sofren o atentado contra a súa propiedade, pero tamén hai que ter en conta que os presuntos delincuentes son persoas enfermas con graves problemas de dependencia e que as súas familias tamén son vítimas desta situación. 

 Por parte de Érguete valoraron como imprescindible a colaboración dos xuíces para poder diminuír o número de delitos e a situación de alerta cidadá. Considerando ademais que, nalgunhas ocasións, a prisión preventiva dos reincidentes acaba exercendo un efecto positivo na súa saúde

 Por último todos os presentes concluíron que cara ó futuro é importante que os servizos sociais, Érguete e toda sociedade, traballen no eido da prevención. Só así se conseguirá combater o problema das drogas e minimizar unha das lacras máis importantes que sufre a nosa sociedade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario