CULTURA
A obra de teatro «Bernarda» chega a nosa vila
· O venres día 5 de abril ás 21:00 horas, no Centro Cultural
Infogauda / A Guarda
O Centro Cultural será o escenario da representación teatral de «Bernarda» a cargo da Compañía Malasombra Producións. A función está programada para o venres día 5 de abril ás 21:00 horas.
A entrada será libre, previa retirada de entradas dende o 30 de marzo, no propio Centro Cultural.
“BERNARDA” é unha historia próxima, comprensible e universal. Todos coñecemos no noso entorno a alguén como Bernarda, e todos temos un pouco de Bernarda no noso interior, porque ese choque xeracional entre pais e fillos é unha constante universal, e dependendo de que lado esteamos vemos a realidade de forma totalmente diferente. Cando somos fillos queremos rachar coas normas que nos impoñen, e cando somos pais vémonos na obriga de ser nós os que as impoñamos, polo seu ben, e ese choque entre xeracións que conviven na mesma casa é inevitable.
Este choque xeracional, que como na vida mesma tamén ocorre en “BERNARDA”, por veces fainos chorar, porque ás veces as situacións vólvense tensas e duras, e por veces fainos rir, porque igual que na vida, ata nas situacións máis extremas xorde a risa como unha necesidade de desafogo e de liberación. Isto é o que en “BERNARDA” demos en chamarlle, humor de tanatorio ou risa de funeral, que tamén é unha constante durante todo o espectáculo.
Bernarda é unha muller dura e loitadora, produto da vida que lle tocou vivir, cunha infancia dura de posguerra que a forxou nuns principios ríxidos e inamovibles. Ao morrer o marido ten que asumir o papel de pai e de nai, e educa ás súas fillas como mellor sabe, como aprendeu, e todo o que fai non o fai por mal, todo o contrario, faino porque pensa que é o mellor para elas. As fillas, en cambio, non o ven así, aínda que como tamén entre elas son diferentes, discuten moitas veces sobre se no fondo Bernarda é pobriña ou é mala.
Bernarda, ó quedar viúva, tenta que todo siga sendo igual que sempre, como foi toda a súa vida, e que as “malas” influenzas dunha sociedade en proceso de transformación non cheguen ás súas fillas nin a ela mesma. Bernarda non entende a música ye-yé, nin as minisaias, nin os guateques, nin ningunha das novas modas da xuventude da época, e a súa intención é moi clara: “Mentres eu viva, nesta casa non vai cambiar nada e as cousas vanse facer como se teñen que facer.” O público presente coñecerá se chega a conseguilo ou non.
Duración: 70 minutos
Esta actividade está promovida dende a Concellería de Cultura do Concello de A Guarda e enmarcada no programa Pontegal da Deputación de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario