11 de mar. de 2019

A GUARDA

A Fortaleza de Santa Cruz centrará a última barferencia de inverno 

· Este venres día 15 de marzo de 2019, ás 20:30 horas na Cafetería Marbella


 Vista parcial do recinto fortificado de Santa Cruz
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda
 
 «Castelo de Santa Cruz: 350 anos do fin da Guerra de Restauración na Guarda», é o título da quinta é última "barferencia" da tempada 2018/2019, organizada polo Concello de A Guarda, que terá lugar este venres día 15 de marzo de 2019, ás 20:30 horas, na Cafetería Marbella.   

 A conferenciante será a doutora Rebeca Blanco Rotea, que explicará aos asistentes como foi, trala Guerra de Restauración Portuguesa, a transición deste recinto fortificado en pleno centro da vila  e o seu paso a elemento patrimonial de titularidade municipal.  

 En palabras de Rebeca Blanco Rotea, a fortaleza de Santa Cruz é a fortificación galega de época moderna conservada no extremo máis suroccidental de Galicia, e formou farte do sistema defensivo galego que protexía as poboacións e o territorio situado a este lado do río Miño, aínda que caeu en mans portuguesas en 1665, baixo cuxo pavillón mantívose ata a firma do tratado de paz de Lisboa en 1668.  

 Santa Cruz formaba parte dun conxunto defensivo maior formado pola atalaia do Balueiro, a batería de Camposancos, a garita do Monte Torroso e o facho do Monte Santa Trega, que controlaba esta zona da fronteira, protexendo a vila de A Guarda dos posibles ataques inimigos dende o Norte e o Oeste, e os diferentes accesos á mesma, ben fosen por terra, por mar ou polo río.  

 Construída entre 1662 e 1664, é atribuída aos irmáns Carlos e Fernando Grunnenberg (Garrido 1989: 116, Cobos e Castro 2005: 86), responde aos principios da fortificación abaluartada característica da Idade Moderna. Presenta unha planta romboidal, con catro baluartes nas esquinas, e medias lúas que defenden as cortiñas entre baluartes, todo elo rodeado por camiños cubertos e foxos. En 1665, pasa a mans portuguesas, unha vez ocupada a vila e capitulado o gobernador.  

 A partir do tratado de 1668, a fronteira entre España e Portugal mantense nun estado de paz relativa, mais mantéñense as prazas principais, mentres segue o proceso construtivo nalgunhas delas, fundamentalmente as grandes fortificacións permanentes. Outras fortificacións destrúense, e unhas terceiras fanse de nova planta, como no caso da do Forte de San Lourenzo.  

 Santa Cruz será un deses fortes que se manteñen no tempo, en poder do Estado español ate 1860, momento no que se vende por parcelas en subasta pública, e foi adquirido por varios propietarios como D. Juan Puebla ou D. Ángel González Sobrino, quen restaurou as murallas, modernizou a zona interior e habilitou outros sectores para cultivo.  

 Na barferencia Rebeca Blanco Rotea analizará a etapa comprendida dende o 1668 até xaneiro do 2016, momento no que ábrese ese recinto ao público e destínanse os edificios interiores  a un pequeno centro de interpretación, que contén unha exposición permanente e está destinado tamén á elaboración de talleres. 

 A doutora Blanco Rotea comentará como o forte sufre un proceso similar ao doutras fortificacións galegas que perderon a súa función como fortaleza e comezan a sufrir un proceso de esquecemento da súa memoria que vai, en parte, aparellado á transformación urbana que viven as nosas cidades e vilas dende a partir da segunda metade do século XIX e, sobre todo, no século XX momento en que este pasa a formar parte do Patrimonio galego como monumento e Ben de Interese Cultural, con todo o que esta figura conleva. 

 Xa no século XXI o forte pasa por un proceso de patrimonialización que remata na súa recuperación por parte das administracións públicas, pola súa recuperación e posta en valor, proceso que tamén será analizado na barferencia.  

 Ao remate desta "barferencia" Rebeca Blanco Rotea explicará o proceso polo cal a Fortaleza de Santa Cruz pasa de ser un símbolo da defensa dun territorio, a ser un elemento patrimonial cuxa funcionalidade vai depender de moitos factores, nos que interveñen, a súa vez, moitos axentes. Esa nova identidade poderá ter diferenes vertentes, converténdose agora o forte en referente identitario, patrimonial, cultural ou social. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario