13 de feb. de 2019

MOBILIDADE

CÉSAR MOSQUERA: “RECUPERAMOS O ESPAZO PÚBLICO PARA QUE A XENTE VIVA MELLOR”   

· O vicepresidente da Deputación de Pontevedra explicou hoxe en Fuerteventura a importancia da determinación política para mellorar a calidade urbana   

· O pedagogo Francesco Tonucci insiste en definir a Pontevedra como o paradigma que outras vilas deben seguir   


César Mosquera na súa intervención desta tarde en Puerto del Rosario, na que tamén participaron o asesor de Mobilidade provincial Jesús Fole, e a tenente de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva
Fotos: D. PO.

Infogauda / Fuerteventura

 “Recuperamos o espazo público para que a xente viva mellor”. Así o manifestou hoxe en Fuerteventura o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, ante máis dun cento de persoas de diferentes administracións canarias nas xornadas de formación organizadas polo Cabildo e o Goberno insular ao abeiro do proxecto internacional ‘Cidades dos nenos e das nenas’ de Francesco Tonucci.  

 Mosquera explicou que o modelo de mobilidade amable do concello de Pontevedra que agora se está a estender no resto da provincia grazas á Deputación baséase en aumentar a calidade urbana e a calidade de vida da veciñanza. Destacou que o espazo público é un dereito básico ao que nas últimas décadas non se lle prestou demasiada atención e subliñou que é necesario reverter as prioridades volvendo poñer as persoas no centro e retirando os coches.   

 Neste sentido, instou aos gobernantes canarios a ter determinación política e subliñou que “os medos a reducir o espazo para os coches están máis na cabeza dalgúns responsables que nos propios cidadáns”. Indicou que o modelo é perfectamente exportable non só na provincia pontevedresa, senón tamén a calquera outra localidade tendo en conta as súas características e particuliaridades.   


Vista parcial dos munícipes que escoitaron á intervención de Francesco Tonucci

 Neste mesmo sentido manifestouse o propio Francesco Tonucci, quen subliñou que Pontevedra é un modelo ou paradigma que deberían seguir o resto das cidades para converterse en lugares máis ‘vivibles’. O pedagogo lembrou ante os representantes canarios que os coches naceron para a comodidade das persoas, mais non poden ter máis dereitos ca estas nin a prioridade no espazo público.   

 Unha vez rematada a xornada de formación en Puerto del Rosario na que participaron tamén o asesor de Mobilidade provincial Jesús Fole e a tenente de alcalde de Pontevedra Carme da Silva, a comitiva organizada pola Deputación tiña previsto trasladarse ata a Casa dos Coroneis, no municipio de La Oliva, onde se realizou unha recepción institucional por parte do presidente do Cabildo, e das conselleiras de Educación e Obras Públicas.   

 Na xornada de mañá está previsto que comece o VI Encontro de Cidades dos Nenos e das Nenas, onde uns 80 representantes de diferentes municipios de todo o estado falarán do traballo realizado pola rede española no último ano.      

 Participan no IV Encontro de Cidades dos Nenos e das Nenas de Fuerteventura convidados pola Deputación as alcaldesas de Tomiño, Sandra González; de Cambados, Fátima Abal; así como as tenentes de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva; de Ponteareas, María Jesús Garrote; de A Guarda, Miguel A. Español; as concelleiras de O Grove María Ángeles Domínguez; de Ponteareas, Verónica Carrera; de Ribadumia, Enrique Oubiña; de Lalín, Lara Rodríguez; de Vilaboa, Francisco Costa; de A Guarda, María Elena Baz; de Salceda, Teresa Pérez; e de Vilagarcía, Lino Mouriño; así como o inspector xefe da Policía Local de Cangas, José Alberto Agulla Bará.

Ningún comentario:

Publicar un comentario