O MODELO DE MOBILIDADE TRAE A PONTEVEDRA AO CONSELLEIRO DO PLAN URBANO DE BOS AIRES, FERNANDO VERDAGUER
· Deputación e Concello realizarán sendas recepcións institucionais e sesións de traballo técnico co profesor e trinta estudantes da Universidade de Belgrano
O profesor Fernando Verdaguer xunto á presidenta Carmela
Silva e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez durante a celebración do
VI CISEV celebrado en Lima (Perú) o pasado mes de outubro
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
O modelo de mobilidade amable de Pontevedra traerá este mércores ata a Deputación de Pontevedra e o concello capitalino ao conselleiro do Plan Urbano de Bos Aires e profesor da Universidade de Belgrano(Arxentina), Fernando Verdaguer. O arxentino virá acompañado de trinta estudantes da Facultade de Arquitectura e Urbanismo interesados en coñecer de forma directa o traballo que están a realizar as administracións provincial e local na materia, nunha viaxe especificamente organizada ao efecto.
Esta visita da comitiva arxentina xurdiu despois de que o profesor Verdaguer coincidira o pasado mes de outubro en Lima coa presidenta Carmela Silva Rego e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández, durante a celebración do VI Congreso Iberoamericano de Seguranza Viaria (CISEV). Entón, despois de asistir ao relatorio de Benítez sobre a necesidade de eliminar a violencia viaria e da recuperación do espazo urbano como un dereito equivalente á educación e á sanidade, Verdaguer mostrouse gratamente sorprendido polo concepto de mobilidade no que está a traballar Pontevedra.
O arxentino puxo o foco de maneira enérxica en Pontevedra no propio CISEV, ante representantes de moitos países latinoamericanos, asegurando que “uno ve Pontevedra y dice ‘¡Alguien la ha pegado!’. Quiero ir con mis alumnos de la facultad a Pontevedra. No quiero ir a Suecia, a esos lugares raros… No, no, no. Quiero ir a ver como cuatro tipos con compromiso, pulpo y albariño han arreglado las cosas. ¡Se puede hacer! La solución está más cerca. No miremos tanto a Miami y miremos más a Pontevedra. El horizonte no está tan lejos: hace falta más compromiso político que técnica”, subliñou.
Fernando Verdaguer é conselleiro do Plan Urbano Ambiental de Bos Aires dende xullo de 2008, ademais de profesor titular da Universidade de Belgrano. O seu longo currículo tamén inclúe que foi director xeral da Comisión de Tránsito e Transporte de Bos Aires, director de Proxectos Especiais da Asociación Argentina de Carreteras, director xeral de Arquitectura do Ministerio de Cultura, subsecretario de Tránsito e Transportes e asesor da Secretaría de Planeamento Urbano de Bos Aires, entre outras ocupacións.
A xornada programada para a comitiva arxentina comeza este mércores ás 10:30 na Deputación cunha reunión de traballo técnico con persoal do departamento de Mobilidade para seguir cunha recepción institucional por parte do vicepresidente Mosquera. Xa no concello, o grupo será recibido polos xefe do servizo de Urbanismo e o xefe da Policía Local, posteriormente nun acto oficial polo alcalde, para durante a tarde realizar unha visita ás rúas da cidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario