6 de feb. de 2019

MADRID

A DELEGACIÓN DA XUNTA DE GALICIA EN MADRID ACOLLEU A XORNADA DE TRABALLO E FORMACIÓN DA EFA PIÑEIRAL DE ARZÚA

· Preto dunha trintena de alumnos da zona tiveron a oportunidade de adquirir novos coñecementos e experiencias para aplicar no seu ámbito    

De esquerda a dereita,  Mary Espiñeira, José Ramón Ónega, Susana Estévez, Ramón Jiménez,  Carmen  Liz, Berta  Cobo e os alumnos de EFA PIÑEIRAL
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 Preto dunha trintena de alumnos da zona coruñesa de Arzúa están esta semana en Madrid co centro formativo e de promoción rural EFA PIÑEIRAL dentro do programa de EMPRENDEMENTO CON MOZOS DO MEDIO RURAL. Entre as actividades previstas para estes días está a xornada de hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia, na que o alumnado recibe formación de diferentes profesionais co obxectivo de mellorar a súa cualificación en diversas áreas, como comercio e marketing así como coñecer outras experiencias que lles poidan achegar ideas para aplicar nas súas zonas de orixe. En concreto o eixo de traballo da xornada de hoxe son as estratexias de comunicación e a importancia das mesmas para as políticas de comercialización online e offline. 

Mary Espiñeira, Carmen Liz, Rosa Figueroa (Comunicación Casa Galicia), José R. Ónega (delegado Xunta Madrid), Ramón Jiménez (coord. Casa), Susana Estévez e Berta Cobo (docentes)

 O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega recibiu ao equipo de formadores composto por Mary Espiñeira, Carmen Liz, Berta Cobo e Susana Estévez e dirixiu unhas palabras de benvida aos rapaces nas que explicou, brevemente, as funcións da institución galega. Tamén o fixeron o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez e a responsable de Comunicación, Rosa Figueroa, para achegar algúns aspectos das súas respectivas funcións que puidesen servir aos mozos nas súas futuras formulacións profesionais. A xornada, que se iniciou ás 10:00, prolongarase ata as 19:00 horas, con diferentes relatorios técnicos a cargo de responsables de empresas de variados sectores, márketing, publicidade e comunicación corporativa. No programa da xornada están os faladoiros técnicos nos que interveñen: Ramón Brea, executivo de Contas da axencia publicitaria C.P.F.; Laura Cardeal, directora de Comunicación e Eduardo Contreras, creative manager da empresa  Selectra España e Francia. Así mesmo tamén está programada a charla técnica a cargo de Gerardo González, do Restaurante Terramundi en Madrid, e por último abordaranse retos e oportunidades da comunicación no márketing farmacéutico por Paula Herranz e Hugo Sánchez da multinacional  Boehringer Farmacéutica. 

Preto dunha trintena de mozas participaron na Xornada Ténica de Traballo de EFA  PIÑEIRAL na Delegación dla Xunta en Madrid-Casa de Galicia


 Esta viaxe permitirá ademais que os estudantes do ciclo de coidados auxiliares de enfermería visiten os hospitais e institucións sanitarias de referencia da Comunidade de Madrid e que o alumnado do ciclo de panadería repostería e confeitería coñezan iniciativas empresariais como Chocolates  Eureka, Xeados Roca e Viena Capellanes. 

 Pola súa banda, o alumnado dos ciclos de comercio e márketing coñecerán o Campus Google, Amazon, Real Fábrica Española e recibirán unha charla técnica en El Corte Inglés de Castellana a cargo da súa responsable de Comunicación, Alicia García. 

 A viaxe técnica complétase con visitas de estudo a espazos singulares como os dos Mercados de San Antón e San Miguel, A Tita Rivera, Mercado de San  Ildefonso, Platea, Restaurante StreetXO ou Platea Madrid, ou os espazos comerciais do Barrio de Salamanca e Serrano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario