27 de xan. de 2019

TURISMO

Máis de 76.000 persoas coñeceron en Fitur a oferta turística galega de 2019, que reforza o seu atractivo patrimonial e natural 

O expositor consolida as cifras de visitantes, interesados especialmente este ano polo turismo de mergullo, as propostas turísticas nos cascos históricos galegos, os festivais musicais, o Camiño de Santiago ou a enogastronomía, entre outras

Mantivéronse máis de 300 reunións profesionais e sentáronse as bases da proxección internacional do turismo da Comunidade galega para este ano

O expositor de Galicia acolleu máis de 40 presentacións das catro provincias
Foto: X. G.

Infogauda / Madrid

 Galicia volveu cumprir obxectivos durante a súa participación na Feira Internacional de Turismo Fitur que remata hoxe en Madrid despois de cinco días de intensa actividade, tanto profesional como aberta ao público en xeral. O expositor galego foi visitado por máis de 76.000 persoas e conseguiu consolidar o atractivo da sólida oferta turística galega grazas a unha proposta que se reforza en 2019 con novidosas experiencia ao redor do patrimonio, da historia e da natureza.
 O expositor de Galicia acolleu máis de 40 presentacións das catro provincias, dando resposta ás entidades que así o solicitaron. Distribuíronse máis de 200.000 folletos e material de promoción das entidades participantes. Mantívose contacto, ademais, con máis de 200 xornalistas e bloggers de distintas nacionalidades que acudiron ao stand para obter información sobre o destino Galicia.
 O balance revela tamén o crecente interese dos visitantes pola gastronomía e a oferta turística global, ademais das novidosas propostas presentadas este ano como o turismo de mergullo ou Un paseo de historia e vida que propón percorridos polos cascos históricos galegos para coñecer o seu patrimonio, comercio local e gastronomía. Tamén a primeira guía de viaxes para descubrir Galicia a través da riqueza singular das súas árbores senlleiras, ou, entre outros, o novo itinerario que aproveita o éxito dos Minicruceiros costeiros polas rías de Galicia para achegarse por mar a gran parte dos vestixios fenicios que aínda se conservan en Galicia e aplicar técnicas de realidade aumentada.
 Desde o punto de vista profesional, Galicia participou no Workshops Hosted Buyers con dez de encontros Business to Business, cos principais operadores turísticos internacionais interesados en destinos como o galego, ricos en cultura e patrimonio. Tamén se mantiveron reunións cos representantes das Oficinas de Turismo de España no exterior que serviron para realizar a planificación anual de colaboración. O sector turístico galego tamén estivo representado no expositor de Fitur a través do Clúster Turismo de Galicia, que mantivo máis Portugal. Francia, Alemaña, Gran Bretaña, Italia ou Xapón.

Para todos os públicos

 O recinto estivo atendido por diferentes informadores turísticos e alí tamén se ofreceron degustacións de produtos gastronómicos. Para iso, contouse coa participación de 15 alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) acompañados de catro profesores. Realizáronse catas comentadas das cinco denominacións de orixe vitivinícolas, unha exhibición de Artesanía de Galicia cun obradoiro en vivo de xoiería galega e, durante a fin de semana, o expositor de da Comunidade acolleu actividades relacionadas coa enogastronomía, a artesanía, o Camiño de Santiago, a música ou o teatro.

Primeiro entroido internacional

 A presenza de Galicia en Fitur viuse precedida polo recoñecemento como Festa de Interese Turístico Internacional do Entroido de Xinzo de Limia, que se converteu no primeiro entroido en acadalo e tamén na primeira festa da provincia de Ourense coa máxima distinción.
 Este recoñecemento estivo moi presente durante a feira, onde tamén se realizou unha presentación profesional ao redor destas festividades e tamén doutras que gozan de longa tradición popular e que gozan de moi boa saúde como a Semana Santa, sendo este o ano no que Galicia asistía a Fitur con máis celebracións recoñecidas de interese turístico.

Galicia viaxa a Dublín

 Tamén se presentaron iniciativas consolidadas como a Ruta da Camelia ou os Trens Turísticos de Galicia que este ano incluirán unha ruta tematizada ao redor dos Camiños de Santiago; propostas enoturísticas como Paseando entre viñedos e a nova estratexia Galicia Sabe, así como os festivais baixo a marca Fest Galicia e as tres candidaturas a Patrimonio Mundial: Cíes-Illas Atlánticas, Ribeira Sacra e Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración.
 Fitur é a terceira feira turística na que Galicia participa este ano. Nas pasadas semanas a oferta da Comunidade promocionouse xa en Holanda e en Finlandia. Estes días, en paralelo a Madrid, promóvese na principal cita do sector en Irlanda. Trátase da Holiday World Show, o encontro celebrado en Dublín no que Galicia participa desde o venres e ata hoxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario