O PP reclama ao Goberno de Sánchez obras para mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade na N-551 en Tui
• A deputada nacional, Pilar Rojo, trasladou á Comisión de Fomento unha proposta aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia.
• Pide que se aclare si se vai dar cumprimento a esta petición e que fagan unha estimación dos prazos nos que se pode iniciar a actuación.
Pilar Rojo Noguera, deputada por Pontevedra, do Grupo Parlamentario do Partido Popular
Foto: Congreso de los Diputados
Foto: Congreso de los Diputados
Infogauda / Pontevedra
A deputada nacional do Partido Popular, Pilar Rojo Noguera, trasladou á Comisión de Fomento a proposta non de lei do Grupo Popular, que xa foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia, a través da que se demanda ao Ministerio de Fomento obras para mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade no tramo da N-551 entre a intersección coa N-550 e a Ponte Internacional de Tui, así como a adecuación desta ponte polo seu valor patrimonial e cultural.
Rojo pediu ao Goberno que aclare se vai dar cumprimento a esta petición unánime do Parlamento galego e, en caso afirmativo, que faga unha estimación dos prazos nos que se pode iniciar a actuación.
Segundo explicou a popular, a mellora deste tramo na N-551 permitiría “non só dar solución a varios puntos que na actualidade presentan un alto grado de conflictividade, senón que tamén permitiría mellorar o acceso á cidade de Tui e a unha parte importante do itinerario do Camiño de Santiago”.
Precisamente, subliña, “é en relación co Camiño de Santiago polo que esta actuación tamén é fundamental”, posto que segundo explica Rojo, “a seguridade viaria para os peregrinos que transitan por calquera dos camiños de Santiago en Galicia é prioritaria”. Nesta liña, recorda a proximidade da celebración do Xacobeo 20121, motivo polo “que resulta fundamental preparar as distintas sendas e, polo tanto, é urxente a redacción e a execución deste proxecto”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario