O Concello de Oia comunica a súa actividade a través dun servizo de mensaxería instantánea para móbil
· A difusión efectúase de forma áxil e segura para a persoa usuaria
· A veciñanza pode subscribirse ás listas de información sobre cultura, deportes, emprego-formación e subvencións
Tokapp permite que calquera cidadán poda seguir as novidades do Concello de Oia
Foto: C. O.
Infogauda / Oia
O Concello de Oia vén de dotarse da aplicación Tokapp, un servizo de mensaxería instantánea a través de smartphone ou tablet que garante a axilidade e a seguridade á hora de comunicar a súa actividade á cidadanía.
Tokapp permite que calquera cidadán poda seguir as novidades do Concello a través dos grupos de subscrición que, segundo os diversos temas, o Concello vai abrindo. As persoas usuarias poderán subscribirse ás listas creadas (cultura, deportes, emprego-formación e subvencións) a fin de recibir a información que lle resulte de interese.
O procedemento para poder empregar a aplicación é o seguinte:
-Desde o teléfono móbil ou tablet, entrar na App Store (iOS) ou Google Play (Android),
-Buscar Tokapp e descargar a aplicación. É de balde.
-Abrir a aplicación, seleccionar o país, cubrir os datos para a creación do usuario e o contrasinal.
-Elixir a subscrición ao Concello de Oia e, dentro dela, a todas as listas temáticas que se consideren de interese. Están abertas catro: cultura, deportes, emprego-formación e subvencións.
Aforro de custos
A alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal, salienta que “o uso de Tokapp para as comunicacións entre o Concello de Oia e a cidadanía supón un aforro, pois evita a distribución de circulares, comunicacións ou chamadas que supoñen un gasto económico e de tempo.
Ao mesmo tempo, esta plataforma de comunicación garante a confidencialidade dos datos das persoas usuarias e a seguridade nas comunicacións”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario