A Xunta de Galicia abre o prazo de solicitude da segunda convocatoria para acreditar a experiencia profesional en sete cualificacións
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a iniciativa cun total de 1350 prazas en sete cualificacións das que dous son novas: docencia da formación para o emprego e operacións auxiliares de fabricación mecánica
Esta segunda edición deste programa súmase á primeira convocada en decembro para 467 prazas en catro profesións: servizos para o control de pragas, xestión de servizos para o control de organismos nocivos, extinción de incendios e salvamento e operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais
A Consellería de Economía, Emprego e Industria recoñecerá este ano con carácter oficial e validez nacional a experiencia ou formación non formal de máis de 1800 traballadores galegos en 11 disciplinas
Preto de 11.900 galegos xa acadaron unha acreditación oficial a través desta iniciativa da Administración autonómica
Infogauda / Galicia
A Xunta, a través da Consellería de Economia, Emprego e Industria, acreditará en 2019 a experiencia profesional dun total de 1817 galegos e galegas en 11 cualificacións. Para iso, desenvolve dúas convocatorias. A primeira xa se publicou no mes de decembro (o prazo de inscrición rematou o pasado 4 de xaneiro) e o prazo de solicitude para a segunda edición xa está aberto, rematando o 11 de febreiro. Inclúe 1350 prazas en sete disciplinas das que dúas son novas: docencia da formación para o emprego (100 prazas) e operacións auxiliares de fabricación mecánica (100 prazas). As cinco restantes son: atención sociosanitaria a persoas no domicilio (300 prazas); atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (250 prazas); socorrismo en espazos acuáticos naturais (225 prazas); socorrismo en instalacións acuáticas (225 prazas); e tanatopraxia (150 prazas).
Na primeira edición convocáronse 467 prazas e un total de catro cualificacións: servizos para o control de pragas (50 prazas); xestión de servizos para o control de organismos nocivos (25 prazas); extinción de incendios e salvamento (150 prazas); e operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural (242 prazas).
As cualificacións que se convocan, na maioría dos casos, son actividades ou profesións que por normativa, debido a razóns de saúde e seguridade, e co obxectivo de garantir un bo servizo aos usuarios, esixen como requisito imprescindible para desempeñalas a posesión dun título ou certificado de profesionalidade, que acredite a súa competencia profesional.
Estas acreditacións teñen carácter oficial e validez nacional, polo que as persoas que obteñan estes recoñecementos poderán facelos valer no mercado laboral como certificados oficiais dos coñecementos e capacidades adquiridos a través de anos de experiencia. Isto facilitará ás persoas avanzar e progresar na súa carreira profesional e ás empresas permitiralles optimizar o aproveitamento dos seus recursos humanos.
A Consellería de Economía, Emprego Industria vén publicando desde 2011 este procedemento para recoñecer as competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral. De media, ao ano, véñense convocando desde entón en torno a 2.000 prazas. Das 15.944 prazas convocadas ata o momento, 11.878 acadaron unha acreditación oficial da súa competencia profesional.
De feito, Galicia atópase á cabeza da formación certificable. En 2011, ademais, a Comunidade converteuse nunha das rexións pioneiras en impulsar este procedemento de recoñecemento da competencia profesional.
Para toda a información relacionada con este proceso poden consultar na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no portal de Emprego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario