CULTURA
O PINTOR PONTEVEDRÉS RAÚL VELLOSO EXPÓN NA DELEGACIÓN DA XUNTA DE GALICIA EN MADRID A MOSTRA “GALICIA NO PAÍS DAS MARABILLAS”
O amigo e discípulo de Tàpies presenta obras compostas por imaxes curvilíneas e cheas de colorido, de estilo moi persoal
Raúl Velloso ante o cadro Gaiteiro
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
O pintor pontevedrés Raúl Velloso (Cangas do Morrazo, 1965) inaugurou onte na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a exposición “Galicia no país da marabillas” composta por 46 obras con imaxes curvilíneas e cheas de colorido, de estilo moi persoal, que retratan edificios, paisaxes e personaxes de Galicia ben identificados. A exposición, coa que a Casa abre as actividades públicas deste novo ano 2019, móstrase en dúas salas e estará aberta ao público ata o próximo día 31.
Raúl Velloso, María Blanco e Ramón Jiménez, ante o cadro Igrexa e mosteiro de Xagoaza
No acto interviñeron, ademais do artista, a licenciada en Xeografía e Historia, doctoranda en Historia da Arte Contemporáneo e conservadora da colección da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (Aecid) María Blanco Conde e o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, quen o fixo en representación do director da mesma e delegado da Xunta, José Ramón Ónega.
“As marabillas de Galicia son de conto e quizá por isto Raúl Velloso non pode subtraerse ao impulso de pintarnos nos seus cadros escenas que parecen sacadas dunha fantasía infantil, sobre todo esas construcións (igrexas, palacios ou faros) que provocan no espectador que os mira a impresión óptica de que se cambalean. A realidade con todo é ben distinta, pois esas imaxes están sólidamente cimentadas sobre a base dunha espléndida formación profesional, que nos seus comezos foi autodidacta para ser despois apadriñada por Antoni Tàpies, de quen como discípulo seu aprendeu as técnicas de pigmentos, texturas, materiais e cor que segue aplicando hoxe en día”, valorou Jiménez.
Engadiu que “as creacións actuais do noso artista invitado expuxéronse nas feiras máis importantes do mundo [como Art Basel Miami, Art Basel Suíza e Arco Madrid], así como en prestixiosas galerías de Barcelona, Madrid, Chicago, Kioto, Berlín, Xénova ou Londres”. Ademais, Velloso sempre reserva varias semanas ao ano para mostrar a súa obra en Galicia.
Blanco apreciou que a exposición e o seu título, “moi acertado”, “supón un novo achegamento moi persoal á arquitectura do pasado e aos vestixios culturais máis singulares das catro provincias galegas, intercaladas con retratos de personaxes ilustres e locais como gaiteiro, xogador do Celta e na que non podían faltar as súas famosas ´viudiñas´”.
“Raúl Velloso defende un proxecto figurativo baseado nunha distorsión da realidade a partir dunha linguaxe cromática rica e vibrante na que se pode observar unha dobre influencia, por unha banda, o modernismo catalán e, por outra, o románico galego. As súas arquitecturas parecen estar distorsionadas por un espello cóncavo na que os volumes se expanden, a través dun debuxo moi sintético cuxo resultado son uns cadros personalísimos e máxicos xa que logra sintetizar sabiamente a natureza, creando un estilo propio, algo dificilísimo cando parece que na arte está todo inventado, e sempre cunha enerxía optimista que, dalgún modo, quedou plasmada na súa obra”, analizou a especialista en Arte.
María Blanco, Raúl Velloso e Ramón Jiménez, na presentación
Pola súa banda, o pintor explicou que co mestre Tàpies tivo unha especial relación de traballo, iniciación á pintura e amizade, da que lle vén ser coñecido como o “descubrimento galego de Antoni Tàpies”. Tamén que está exposición “está dedicada á devoción que sinto pola miña terra galega” e que nela pódense atopar “pazos, faros, igrexas románicas das catro provincias, edificios do meu pobo natal e unha gran diversidade de personaxes característicos galegos, como son viudiñas, gaiteiros, mulleres e homes do século pasado”. “É unha exposición exclusivamente galega en homenaxe a don Manuel Fraga Iribarne, fundador do espazo no que se expoñen as obras”, engadiu.
“Se hai unha palabra que podería definir a obra de Velloso é a pureza. Lémbrame moito aos traballos de Matisse pola utilización de cores planas e esa inxenuidade infantil que atravesa as súas composicións”, opina o xornalista Pedro García Cuartango no prólogo do catálogo da exposición. Tamén que “o mellor que se pode dicir dun artista é que ten un selo reconocible, un selo absolutamente persoal. E de inmediato pódese identificar a Raúl Velloso cos seus cadros e os seus deseños”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario