23 de xan. de 2019

TURISMO

A Xunta de Galicia participa en Fitur na presentación da ‘Smart Way’ que explora ‘A Ruta dos Fenicios no Atlántico’ 

O vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, destacou a posta en valor do patrimonio cultural e histórico de Galicia


A directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou a importancia deste itinerario para afondar no turismo cultural e nun destino máis competitivo

Infogauda / Madrid

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe en Fitur na presentación do Primeiro Smart Way - Rede Española. A Ruta dos Fenicios no Atlántico-As Cassitérides. A Ruta dos Fenicios é un dos 30 Itinerarios Culturais recoñecidos polo Consello de Europa e pasa por 18 países e por máis de 80 cidades.
 O vicepresidente da Xunta destacou a importancia de poñer en valor o patrimonio cultural e histórico de Galicia a través de iniciativas como esta e apostou pola especialización e innovación do sector turístico. O proxecto da Smart Way inclúe unha aplicación móbil que permitirá valorizar 20 elementos patrimoniais fenicios a través da realidade aumentada e que facilitará o sistema de reservas e de acceso a portos para os viaxeiros.
 Ademais, e como explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, ao abeiro da colaboración entre a Xunta e a Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+), aproveitarase a exitosa experiencia dos Minicruceiros Costeiros polas Rías de Galicia creados no marco do proxecto Ecodestin_3IN Programa Interreg-Poctep, para poñer en marcha un novo itinerario marítimo ao redor dos vestixios fenicios tematizando varias das saídas previstas este ano. Os Minicruceiros Costeiros polas Rías de Galicia nos que se integrará esta nova ruta marítima, contaron o ano pasado coa participación de máis de 5.000 persoas. Unha cifra que se espera reeditar e mellorar este ano para o que está previstos máis de 100 saídas entre abril e outubro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario