CAMPOSANCOS VAI CONMEMORAR UN ANO MÁIS, A FESTIVIDADE DE SAN AMARO
· Os días 13 e 15 de xaneiro de 2019
Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos
A que está considerada como a primeira romaría do ano, terá como de costume, a correspondente conmemoración.
En Camposancos serán o domingo día 13 e o martes día 15 (festa litúrxica de San Amaro, abade), as datas nas que os devotos terán oportunidade de participar nos actos relixiosos que se oficiarán neses dous días, os que lles precederá a novena que comezará o domingo día 6 de xaneiro.
O domingo día 13 de xaneiro, ás 12:00 horas, misa solemne na honra de San Amaro, polas intencións de seus devotos. A celebración eucarística contará con sermón e será cantada pola Coral Ecos do Folón, de Fornelos (O Rosal). O remate da misa sairá a procesión na que participará o Grupo de Gaitas Xamaraina.
Pola tarde, ás 19:00 horas haberá unha misa cantada na honra do santo, á intención dos seus devotos.
Asemade, o martes día 15 (festa litúrxica de San Amaro, abade), ás 11:00 horas, haberá unha misa solemne cantada na honra do santo.
E ás 19:00 horas, celebrarase unha misa rezada na honra do santo, polos devotos finados o longo do pasado ano.
CELEBRACIÓN GASTRONÓMICA
Aparte da devoción de cada quen, en cada festividade de San Amaro, non pode fallar un bo cocido no que ademáis doutros saborosos ingredientes propios dese prato propio desta época do ano, non debemos esquecernos de incluír a paleta do porco, que segundo a tradición oral "hai que poñela de remollo na pía da fonte".
Sexa como sexa, á conmemoración de San Amaro vai server para que ás familias e os amigos volten a xuntarse para compartir unha xornada de ledicia e se se tercia, mesmo para "arrincar a cañota", na que enfiar ás rosquillas, e dese xeito manter viva outra das tradicions xenuinamente camposinas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario