22 de xan. de 2019

A GUARDA

FORMACIÓN

“Comercio Innova Plus”  

A Atención ao Cliente centrou a formación impartida por Fátima Rodríguez Marcos

O alcalde Antonio Lomba Baz coa 2ª tenente de alcalde e concelleira de Desenvolvemento Económico, Montserrat Magallanes Álvarez - a dereita da imaxe - e a formadora Fátima Rodríguez Marcos
Foto: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda continúa coas actividades do programa formativo “Comercio Innova Plus”, dirixido especialmente a comerciantes e empresarios da vila, unha actividade para a que non é preciso inscrición previa e que se realiza totalmente de balde.  

 O pasado luns día 21 de xaneiro tivo lugar unha charla titulada «Innovación no cara a cara co cliente», que se realizou na Casa dos Alonso, a cargo da poñente Fátima Rodríguez Marcos, licenciada en Psicoloxía, quen posúe unha ampla experiencia como formadora en habilidades comunicativas e atención ao cliente. Dende fai case 4 anos dirixe o seu propio proxecto profesional, unha consultoría de proxectos ubicada en A Guarda.  

 A través desta píldora formativa repasáronse algunhas das ferramentas e estratexias innovadoras que utilizan tanto grandes como pequenas empresas para captar, fidelizar e mellorar a experiencia cos seus clientes, e analizouse de que xeito o pequeno comercio podería aplicalas á súa realidade e casuística concreta.  

 Para rematar a programación de «Comercio Innova Plus» o luns 28 de xaneiro terá lugar na Casa dos Alonso unha charla titulada «Compartindo Talento: Xuntos chégase máis lonxe» a cargo de Mariem Filgueira Pérez, licenciada en dirección e administración de empresas, e con máis de 15 anos de experiencia en asesoramento empresarial. Directora de proxectos de consultoría e innovación na cidade de Pontevedra.

 Como xa temos informado neste xornal dixital transfronteirizo, estas accións formativas teñen como obxectivo que o comercio da vila coñeza as novas ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición, para que as empreguen nos seus propios establecementos comerciais e lle saquen o maior rendemento, ademais de continuar promovendo a innovación dentro da rede comercial do Concello con actividades sobre comunicación e canles de venda, deseño de espazos comerciais, a atención ao cliente ou a creación de alianzas entre empresas. Todas as actividades son de balde e non é necesaria a realización dunha inscrición previa.  

 Esta actividade constitúe a continuación do programa «Comercio innova», que rematou en xuño do ano pasado e no que se traballou cos establecementos comerciais da vila para optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos.  

 No mes de novembro realizáronse varios obradoiros na Aula CeMit no Centro Cultural da Guarda sobre «Utilización práctica de Instagram», e «Utilización práctica de Facebook», rematando con 4 charlas a modo de píldoras formativas, nas que se conta con varios ponentes especializados no comercio, marketing e empresas. 

 “Comercio Innova Plus” conta co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario