25 de out. de 2018

A GUARDA

Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín

· A programación e robótica tamén terán cabida neste evento    

Infogauda / A Guarda

 A Casa dos Alonso da Guarda acollerá o venres día 26 de outubro, a segunda xornada da Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín, que contará esta xornada cunha Feira Maker con exhibicións de robótica e varias charlas.  

 De 10:00 a 12:00 horas realizaráse a Feira Maker, onde os asistentes poderán coñecer todas as novidades sobre novas tecnoloxías e robótica da man de expertos do sector, grazas a conferencias e exhibicións, que contarán coas intervencións de Manuel Rodríguez, técnico de hardware de OPRobots e Alejandro Santos, técnico de Software de OPRobots. 

  A conferencia de OPRObots estará enfocada á robótica de competición, onde explicarán aos presentes como é o seu traballo e como aprenden día a día a facer cousas novas enfrontándose aos mellores enxeñeiros do país. OPRobots exporá as súas creacións amosando como é o seu funcionamento, fomentando a creatividade e innovación a través dos robots de competición de carácter velocistas (Robots autónomos que seguen unha liña tentando ser máis rápidos que os seus rivais), humanoides (robots teleoperados con forma humana que loita nun ring tentando derribar ao seu adversario), laberinto (Robots autónomos que teñen que buscar a saída coa única axuda das paredes que os rodean) e minisumo (dous robots autónomos situados nun doyho, que deben xuntarse e pelexar para sacar ao seu rival do círculo).  


 Ás 12:30 horas está prevista a realización dunha charla a cargo de Óscar Rodríguez, coordinador xeral de Ledisson Ait, programación robótica, sobre «A disrupción laboral: unha verdade incómoda». Nesta charla Óscar tentará trasmitir aos presentes a visión holística, fundamentada na experiencia de LedissonAit como empresa tecnolóxica, sobre o que está a acontecer e sucederá proximamente no mundo laboral coa inminente entrada dos algoritmos, as Ias e a robótica nos entornos de traballo. Neste senso centrarase en cómo ser máis competitivo e empleable que un robot, potenciando habilidades que nos caracterizan como humanos que que son as máis buscadas hoxe en día nas empresas tecnolóxicas.  

 Trala pausa do xantar, ás 16:00 horas Emilia Simâo e Samuel Barbosa, profesores de multimedia e arte da Escola Superior Gallaecia falarán sobre «Tecnoloxía vs Arte – Video 360º». 

 O vídeo 360/VR imponse na actualidade de xeito gradual nos medios de comunicación dixital, cunha gran promoción e aceptación nas plataformas de difusión de vídeos online e mesmo nas redes sociais, polo que os axentes tradicionais de publicidade e do cinema se actualizan para empregar unha experiencia próxima á realidade ofertando a realidade virtual. Nesta charla explicarase, dende o punto de vista técnico, como se forma a imaxe 360º/VR, coas cámaras e as aplicacións de software existentes na actualidade.


 De seguido, ás 17:30 horas Brais Currás e Mar Cortegoso realizarán unha conferencia/exhibición sobre «Transferencia e innovación: as paisaxes do sal como recurso económico». O proxecto «Mar de Sal» parte do principio da transferencia científica como medio fundamental para sustentar o desenvolvemento patrimonial. Nesta comunicación farán unha presentación do proxecto e do seus obxectivos, enfocados ao estudo e posta en valor das paisaxes do sal da antigüidade como un recurso patrimonial ao servizo da cidadanía e do desenvolvemento, económico, turístico e sociocultural. Igualmente tratarán da capacidade de transferencia do estudo das salinas antigas e das novas oportunidades de negocio que pode crear.   

 A Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín chega un ano máis á Guarda para desenvolver unha ampla programación de actividades ao longo de 3 días, un evento dirixido a estimular o talento e crear cultura emprendedora na comarca do Baixo Miño.  

 A iniciativa conta cunha páxina web na que se irá ampliando informacións de interese sobre este Feira do Emprego e Formación, que aspira a converterse nunha cita obrigada para todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis sobre as novas tecnoloxías, a formación continua e emprego, novas vías de negocio, entre outras novidades do sector empresarial.

A GUARDA

CULTURA

A Guarda celebra o Samaín 

· Con obradoiros e maxia na Praza do Reló
   

Infogauda / A Guarda

 O vindeiro mércores día 31 de outubro o Departamento de Cultura do Concello da Guarda, co apoio da Deputación de Pontevedra organiza unha xornada de Samaín na Praza do Reló.  

 Na programación de actividades para este día contarase cun Obradoiro de figuras terroríficas enfocado a nenas e nenos, que terá lugar na Praza do Reló en horario de 17:00 a 19:00 horas, aberto a todo o público e de balde.  

 Para rematar esta xornada de Samaín a partires das 19:00 horas realizarase un espectáculo de maxia a cargo de Maxia Xabi, onde os máis pequenos poderán gozar cos trucos deste gran mago.  

 As actividades de Samaín na Guarda veñen de coller un forte pulo entre a poboación guardesa nos pasados anos, e por elo que dende a Concellería de Cultura apostouse este ano por continuar nesta senda e organizar estas actividades para desfrute dos máis pequenos da casa. 

  Esta actividade conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra para a normalización lingüística, promocionando festas populares e de forte arraigo e tradición como é o caso do Samaín, onde os rapaces e rapaces da vila enchen as rúas co seu característico «truco ou trato».

A GUARDA

CULTURA

A Biblioteca Pública Municipal acollerá un encontro con nais, pais e bebés de 0 a 3 anos  

· O venres día 2 de novembro ás 18:00 horas


 Infogauda / A Guarda

 A Biblioteca Pública Municipal da Guarda, sita no primeiro andar do Centro Cultural, acolle o vindeiro venres día 2 de novembro ás 18:00 horas, unha nova sesión de «Bebeteca», destinada a pais nais e bebés de 0 a 3 anos de idade.   

 Esta actividade consiste nun diálogo coas familias asistentes na que se tratará o tema dos diferentes medos infantís propios desta idade e como os contos poden axudar para superalos.   

 Cada persoa recibirá unha guía de lectura con información dos libros que están dispoñibles na biblioteca e outros.    

 A Bebeteca é un espazo con libriños especialmente pensados para iniciar na lectura ao bebés. Libros con imaxes, texturas, formas, sons e títeres de dedo. 

SOUTOMAIOR

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PRESENTA A CANDIDATURA DO PIÑEIRO ARAUCANO DO CASTELO DE SOUTOMAIOR A ÁRBORE EUROPEA 2019  

· A deputada de Areeiro Eva Vilaverde destaca as súas características morfolóxicas e a historia que acompaña á árbore senlleira  

Eva Vilaverde, deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro na rolda de prensa que ofreceu esta mañá
Fotos: D. PO.


Infogauda / Soutomaior

 A Deputación de Pontevedra quere que o piñeiro araucano dos xardíns do Castelo de Soutomaior sexa declarado ‘Árbore Europea do 2019’. A deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, instou a toda a cidadanía a votar na páxina web o efecto pola árbore pontevedresa, a única galega entre as dez candidatas do estado español que opta a pasar á fase europea do concurso.   

 A deputada destacou que a candidatura encádrase dentro da campaña que fai a Estación Fitopatolóxica para poñer en valor todo o patrimonio natural e paisaxístico que hai na provincia. “Consideramos que é importante dalo a coñecer e poñelo en valor, porque somos un país especialmente rico en patrimonio natural e medioambiental. Hai que informar e formar sobre el para que se poida respectar e ao mesmo tempo coidar”, apuntou.   

O piñeiro araucano é dun dos exemplares da flora alóctona galega máis notable do ‘Catálogo de árbores e formacións senlleiras de Galicia’ 


 Vilaverde subliñou que hai múltiples motivos polos que destacar o piñeiro araucano como peza botánica, tanto dende o punto de vista da súa morfoloxía como pola súa historia dentro do Castelo de Soutomaior. De feito, a Araucaria araucana ten uns 150 anos, alcanza os 27 metros de altura –é das máis altas de España- e ten 2,67 metros de perímetro basal–está entre as de maior envergadura de Europa-, conta cunha verticalidade case perfecta e comeza a súa copa aos 21 metros. Trátase dun dos exemplares da flora alóctona galega máis notable do ‘Catálogo de árbores e formacións senlleiras de Galicia’ dende a súa creación (2007) e supón unha rareza, dado o pouco frecuente que é esta especie adulta no país.   

 A importancia desta árbore é tal, segundo apuntou a deputada, que existen numerosas referencias bibliográficas da súa existencia. As primeiras datan de 1879, no diario político ‘La época’, onde se fala dos “seus brazos puntiagudos como ferros de lanza, tan lindos á vista como ingratos ao tacto”. A árbore tamén está referenciada no libro ‘Árboles chilenos del mundo’ escrito por Rodigo Fernández Cargo, unha recompilación en grande formato con 60 historias de especies chilenas que medran en diferentes partes do mundo e que inclúen no capítulo quinto a árbore pontevedresa. Outra das citas está na web monumentaltrees.com, onde se recollen as pezas botánicas máis salientables do planeta.  


 Dende a Deputación, explicou Vilaverde, baralláronse moitas opcións para participar no concurso, mais a araucaria foi a decisión definitiva tamén polo valor engadido das súas referencias históricas e culturais, xa que é “testemuña viva” da historia do Castelo de Soutomaior e das xuntanzas políticas do século XIX, así como tamén da vida da agora xa coñecida feminista adiantada á súa época, María Vinyals.  

 Descoñécese o ano exacto da súa plantación, pero sábese que pertence á arboreda orixinal do parque do castelo creado durante o proxecto de axardinamento na época do marques de la Vega de Armijo, cando tivo lugar a transformación botánica con motivo da restauración global do castelo. Posteriormente, trala morte do marqués, a propiedade foi herdada pola súa sobriña que, unha vez casada, trasladou a súa residencia ao castelo e converteuno nun sanatorio que foi publicitado xunto ao xardín nos xornais de máis difusión da época.  

 Promoción 
A deputada Eva Vilaverde destacou que a Deputación iniciará unha campaña de promoción para dinamizar a votación a favor da araucaria a través tanto da súa web como das súas redes sociais. Tamén subliñou que se enviará información específica sobre a árbore senlleira aos centros escolares para que a raíz desta convocatoria a poidan coñecer e visitar, así como tamén a institucións e entidades de educación ambiental.  

 “Hai que poñer en valor todo este patrimonio natural para que se coñeza a árbore e tamén para visibilizar tamén os xardíns do castelo, que teñen unha grande importancia botánica e que nos parecen un recurso turístico concreto e específico, así como un exemplo máis dos recursos naturais que hai en toda a provincia. Pensamos que este concurso é unha desculpa moi axeitada para traballar dende o punto de vista ambiental, cultural e turístico”, asegurou Vilaverde. 

 A votación para designar ao representante do estado español na fase europea finalizará o próximo 23 de novembro. Entón un dos dez exemplares preseleccionados polo comité de expertos de Bosques sen Fronteiras (coa colaboración do Ministerio de Agricultura) será o designado para pasar á fase europea (do 1 ao 28 febreiro de 2019). 

 A votación pode facerse directamente na páxina creada o efecto ou tamén a través de depo.gal, onde hai banners de enlace directo para deixar o apoio.  

 Os competidores do piñeiro araucano pontevedrés están fundamentalmente na franxa mediterránea: piñeiro laricio de La Yesa (Valencia), pinsapo de Grazalema (Cádiz), algarrobo de Foia Brell (Alicante), piñeiro da Virxe (La Palma), olmo de Navallas (Castellón), amendoeiro Real (Badaxoz),  olivo Milenario ‘La Farga del Arión’ (Tarragona), palmeira imperial (Elche) e piñeiro de Roble de Peñascosa (Albacete).  

 Concurso Árbore do Ano 

 O concurso da Árbore Europea do Ano creouse no ano 2011 como continuación do popular concurso popular Árbore do Ano que na República Checa durante moito tempo organizou a Fundación Alianza (Nadace Partnerství).  

 O obxectivo de Árbore Europea do Ano é destacar as interesantes árbores senlleiras como un importante patrimonio natural e cultural que apreciar e protexer. Todos os anos participan no concurso decenas e ata centenares de miles de persoas e o número dos países participantes aumentou dos 5 orixinais a 15. 

OIA

Oia acolle un taller sobre xestión e regulación das emocións     

· A actividade desenvolverase o 27 de outubro e está organizada polo Concello e a familia Manso



Infogauda / Oia

 A Casa da Cultura de Oia acollerá o próximo 27 de outubro o obradoiro titulado Xestión e regulación das emocións. Unha perspectiva psicolóxica, unha actividade que se desenvolverá de forma gratuíta e con inscrición previa.

 O obradoiro comezará ás 17:00 horas e será desenvolvido polo psicólogo Domingos Manuel Machado, quen abordará temáticas como a identificación a xeración e a consciencia, así como as estratexias e o proceso de regulación emocional. 

 Esta actividade está organizada polo Concello de Oia e máis a familia Manso e conta coa colaboración da Comunidade de Montes de Oia, Equus Ourense, Bio Lusitano Coudelaria e Leonardo Machado. As inscricións poden realizarse no teléfono 629 829 002 (Cristina e Paloma).

 NOTA DE EDICIÓN:  
 Achegamos ligazón desde a que pode descargarse o vídeo-convite ao obradoiro feito pola propia Cristina Manso, veciña de Oia.

DEPORTES

I TROFEO CONCELLO DE TOMIÑO DE REMOERGÓMETRO

· Máis de 50 deportistas, de 6 clubs galegos, déronse cita no pavillón de Goián (Tomiño) para disfrutar dunha xornada de remoergómetro 
  

Informa (fotografías e redacción): Ariana González Verde / Tomiño

 Máis de 50 deportistas, de 6 clubs galegos, déronse cita no pavillón de Goián (Tomiño) para disfrutar dunha xornada de remoergómetro. 


 Previa a competición, os participantes puideron coñecer da man do adestrador do San Xerome, Roberto Martínez Trigo, a técnica e unhas pequenas nocións básicas do remoergómetro. 


 A continuación disputáronse 12 series onde os participantes deron o mellor de sí. Boa actuación dos atletas do San Xerome: Jose Antonio Pintos, Chicho, Brais, Pablo Martínez e Fabián Santos. Resaltar a actuación de Andrea, Pepe, María Fernanda e Nuria que conseguiron un posto entre os tres primeiros. 

 Esta xornada celebrouse gracias a colaboración do concello de Tomiño, Club de Remo Robaleira, Federación Galega de Deporte Adaptado e ao Club Deportivo San Xerome.

SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Museo do Pobo Galego acolle a inauguración da exposición 'Galicia-Baviera'

· A inauguración será este venres 26 de outubro ás 18.00h nas salas expositivas e no Claustro alto do Museo do Pobo Galego. 

· A mostra reúne a 33 artistas galegos e bávaros con propostas visuais que abordan a pintura, a escultura, a fotografía ou as instalacións. 

· Ao acto inaugural acudirán Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia e Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. Ambas institucións son patrocinadoras da mostra.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A inauguración da exposición 'Wanderlust Galicia-Baviera', que reúne a obra de 28 artistas destas dúas procedencias, terá lugar mañá venres día 26 de outubro ás 18.00h no Museo do Pobo Galego. Esta cita é o resultado da colaboración entre o Museo do Pobo Galego, que abre as súas portas como espazo expositivo, a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta e o Parlamento de Galicia, patrocinadores da mostra. O acceso á exposición, que estará distribuída entre as salas expositivas e o Claustro Alto do Museo, será gratuíto. 

 Os comisarios Antón Sobral e Hubert Huber colaboraron na selección de artistas de Galicia e Baviera que compón 'Wanderlust Galicia-Baviera', centrándose cada un nun dos territorios. As propostas incluídas van dende a pintura á escultura, pasando pola fotografía ou as instalacións, todas a cargo de creadores e creadoras actuais que, a pesar de traballar en lugares afastados con historias, relatos e problemáticas distintas, acaban por articular unha estrutura e unha linguaxe común. A confluencia desta variedade de propostas artísticas ofrece un resultado marcado pola pluralidade de paisaxes interpretadas, intervencións que se acomodan ao espazo e unha ampla imaxe de realidades figurativas e abstractas. 

Un proxecto que tende pontes 

 Detrás da mostra 'Galicia-Baviera' atópase un proxecto máis amplo destinado a favorecer e potenciar as relacións e a colaboración entre ambos territorios por medio de residencias artísticas ou a través da organización de exposicións coma a que acolle nesta ocasión o Museo do Pobo Galego. 

 A primeira parada desta exposición 'Galicia-Baviera' é o Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, onde se poderá ver ata o 6 de xaneiro de 2019. A próxima cita será no ano 2019 na galería do Castelo de Neuburg, no distrito de Passau, Alemaña. 

AXENDA: 

Do venres 26 de outubro de 2018 ao domingo 6 de xaneiro de 2019 

Horario: de martes a sábado, 10:30-14:00 e 16:00-19:30 domingos e festivos, 11:00-14:00

A GUARDA

FALECEU MARÍA ASUNCIÓN TRIGO ALONSO, TODA UNHA REFERENCIA NA DANZA TRADICIONAL


María Asunción Trigo Alonso, no desfile tradicional das Festas do Monte Santa Trega, de 2015
Foto: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 A pasada noite faleceu María Asunción Trigo Alonso. Segundo nos informou unha persoa próxima a finada, o óbito tivo lugar no seu domicilio e ao parecer foi debido a unha doenza coronaria.  Tiña tan soio 70 anos e un corazón moi grande. Viguesa de nacemento e guardesa de adopción, ela foi, con certeza, unha das mulleres que máis aportou a Cultura do noso pobo. Formada no Real Conservatorio Profesional de Danza "Mariemma" (RCPD), de Madrid, fíxoo como ela sabía, que era moito, creando e dirixindo grupos de baile, e pondo en valor a danza (clásica e contemporánea), e por suposto a danza tradicional galega, cando na Guarda non tiñamos apenas precedentes nese eido. Ela foi, sen dúbida, unha precursora. E iso sábeno ben varios colectivos, que non imos nomear, porque involuntariamente igoal nos queda algún no tinteiro, e non é cousa diso.

 A achega de María Asunción (Asun) foi tanta, e de tanta impronta, que seu paso por esta vida non foi, para nada, en balde. E froito da súa labor continuada, namentras pudo, que foina o longo de moitos anos; son, directa ou indirectamente, moitos dos grupos que hoxendía temos na nosa localidade e dos cales nos sentimos lexítimamente orgullosos porque son os que continúan a labor que María Asunción comezara. Como orgullosos - ainda que tal vez non llo soubemos transmitir cando era o intre de facelo -, nos sentimos de haber tido como veciña a unha muller grande, loitadora e traballadora. E María Asunción foino.


 Sentindo o pasamento de María Asunción, desde este xornal dixital, dámoslles noso pésame os seus seres máis queridos.

TUI

O BNG denuncia: "O Goberno do PP en Tui desaparecido ante a vulneración de dereitos laborais de Limpezas Samil"

Carme Núñez, portavoz municipal do BNG no Concello de Tui:  "(...) non entendemos como o Goberno municipal de Tui, non actúa para por freo á situación de explotación laboral que están a sufrir as traballadoras encargadas da área de limpeza dos edificos públicos (...)".  

Carme Núñez, portavoz do BNG en Tui

Infogauda / Tui

 "O BNG denuncia a desidia do goberno de Tui sostido polo Partido Popular diante dos incumprimentos graves en materia laboral por parte de Limpezas Samil no servizo de limpeza de colexios públicos  que repercuten na súa calidade", afirmou Carme Núñez, portavoz do BNG en Tui.  

 "A limpeza, un sector moi feminizado, e, igualmente, un dos que conta con condicións máis precarias, tanto a nivel económico, coma contractual, como o que atinxe tamén ao recoñecemento de enfermidades laborais e baixas", apuntou Carme Núñez.

EXPLOTACIÓN LABORAL
 "Sendo coñecedores desta situación, xeralizada a todo o país, non entendemos como o Goberno municipal de Tui, non actúa para por freo á situación de explotación laboral que están a sufrir as traballadoras encargadas da área de limpeza dos edificos públicos (xestionados pola empresa privada Limpezas Samil). Deben facer horas a máis sen percibir ningún tipo de salario extra ou ampliación de horas contractuais e realizan tarefas de limpeza de xeito totalmente voluntario para poder deixar as instalacións públicas nunhas condicións mínimamente dignas", sinalou a portavoz nacionalista.   

 Segundo afirmou Carme Núñez "o BNG ven de presentar unha moción  pola que trasladamos ao pleno deste xoves a situación das traballadoras  da empresa Limpezas Samil que na actualidade presta o servizo de limpeza en edificios públicos, e, esiximos que o concello de Tui defenda unhas condicións laborais dignas para as persoas que traballan nun servizo - por moito que estea xestionado por unha empresa - fronte aos abusos das empresas, que garanta un servizo de calidade e que xestione, xa que a empresa está a prestar o servizo fóra de contrato".