Os Bolechas conmemoran as Letras Galegas cun libro dedicado a María Victoria Moreno e unha nova serie audiovisual baseada na colección As miñas primeiras Letras Galegas
• A sede da Real Academia Galega acolleu a presentación deste proxecto destinado a que as nenas e nenos galegos coñezan as obras e autores máis destacados da nosa literatura
• Varios escolares convidados á presentación viron en primicia o primeiro capítulo da nova serie dos Bolechas dedicado a María Victoria Moreno
As afortunadas e afortunados que puideron ver en primicia o primeiro capítulo foron os escolares do CEIP Cidade Vella da Coruña que participaron no evento, ademais dos propios Bolechas
Infogauda / A Coruña
A Real Academia Galega acolleu este mércores a presentación dun novo título da colección As miñas primeiras Letras Galegas dos Bolechas dedicado a María Victoria Moreno, a autora homenaxeada este ano. Pero ademais do libro, o acto serviu para presentar un novo proxecto audiovisual dos Bolechas baseado na colección das Letras Galegas.
Trátase dunha serie de monicreques cun formato similar á que vén emitindo a Televisión de Galicia desde hai xa seis anos con grande éxito, pero centrada nas autoras e autores aos que se lles ten dedicado o Día das Letras Galegas, que se conmemora cada 17 de maio. Este ano a protagonista é María Victoria Moreno, polo que ela foi a elixida para a estrea da serie na sede da Real Academia Galega na rúa Tabernas.
Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, saudando os escolares do CEIP Cidade Vella da Coruña
As afortunadas e afortunados que puideron ver en primicia o primeiro capítulo foron os escolares do CEIP Cidade Vella da Coruña que participaron no evento, ademais dos propios Bolechas, que acompañaron a cativada durante todo o acto na institución, na que foron recibidos polo seu presidente, Víctor F. Freixanes. “A iniciativa dos Bolechas non é nova”, comentou o presidente. “Cadra moi ben co espírito da autora a quen este ano a RAG dedica o Día das Letras: unha escritora, editora e mestra preocupada por fornecer de material os rapaces e rapazas máis novos, que empezan a descubrir a lectura e a lingua como unha festa, na que podemos participar todos e todas”, expresou.

Na presentación participaron tamén responsables de dúas das institucións que colaboran no proxecto das Letras Galegas dos Bolechas: José Manuel López Marcos, director de mercadotecnia de Caixa Rural Galega, quen asegurou que é unha honra para a súa entidade poder apoiar proxectos como este dentro, e Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, que animou os escolares presentes a falar galego seguindo o exemplo de María Victoria Moreno e dos Bolechas. Pola súa banda Antonio Couto, de Edicións Bolanda, lembrou que este novo libro é xa “o noveno título da colección Letras Galegas, tras Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Álvaro Cunqueiro, Manuel Murguía, Ánxel Fole, Rosalía de Castro, Manuel María e Carlos Casares”. Tamén subliñou a importancia do novo proxecto audiovisual “para achegarlles as figuras senlleiras da nosa literatura ás nenas e aos nenos a través dun medio amigo para eles como é a televisión”.
Neste sentido, o director de proxección social da TVG, Xaime Arias, informou de que os sete capítulos da nova serie dos Bolechas se emitirá “na semana das Letras Galegas no Xabarín Club” e que despois estarán dispoñibles na rede para que as nenas e nenos poidan velos cando queiran “e interactuar con eles”. Deste xeito, dáselles unha nova vida ás historias creadas por Pepe Carreiro para os libros e amplifícase a difusión desta relevante colección e, por tanto, dos autores e autoras protagonistas da mesma.
Coñecer a María Victoria Moreno
No caso de María Victoria Moreno, tanto o libro como o audiovisual baséanse no primeiro libro que publicou a autora, Mar adiante (1973). A historia fala dunha escola barco e, como é habitual nesta colección, a aventura dos Bolechas enriquécese con textos da obra orixinal, de xeito que a cativada se achegue á linguaxe e ao estilo da autora, da que tamén se ofrece unha pequena biografía. Ao final inclúese tamén un minidicionario con algúns termos para facilitar a comprensión do texto e completar a experiencia lectora da nena ou neno.
Deste xeito, a boa acollida dos Bolechas é aproveitada para introducir grandes autores e obras da nosa literatura na infancia dun xeito divertido e disociado da escola e da aprendizaxe regrada, o que lle dá un valor engadido a todo este proxecto das Letras Galegas dos Bolechas.
Os Bolechas para aprender e divertirse
Desde que comezaron a publicarse no ano 2000 Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 550 títulos publicados e máis de 1.700.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.
Este seguimento masivo e continuo durante máis de 17 anos permitiu a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida –posto que os Bolechas usan sempre o galego na súa versión orixinal–, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do idioma. Tanto é así que moitos nenos teñen na casa –e sobre todo no colexio– o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento.