A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PROPÓN UN PROXECTO QUE SUPERA OS 680.000 EUROS PARA A ESTRADA PROVINCIAL ENTRE PONTE DE VAL E BARCIA DE MERA EN MONDARIZ
· O deputado provincial Uxío Benítez destaca que a proposta do departamento de Mobilidade foi deseñada polos técnicos en función da tipoloxía da estrada, o número de vehículos e a poboación da zona
· Benítez asegura que o deseño é “moi digno e viable” e mellorará a seguranza viaria e a mobilidade da veciñanza
Benítez lembrou que o proxecto para a estrada EP-4306 foi solicitado polo Concello de Mondariz nas reunións mantidas a principios de mandato para priorizar actuacións no municipio.
Foto: D. P.
Infogauda / Mondariz
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, asegurou hoxe que a Deputación provincial vén de plantexar un proxecto de mellora para a estrada provincial entre Ponte do Val e Barcia de Mera (EP-4306) en Mondariz que supera os 680.000 euros. O responsable nacionalista indicou que a proposta do seu departamento foi deseñada polos técnicos en función da tipoloxía da estrada, o número de vehículos que circulan por ela, e a poboación da zona, tendo como resultado un deseño “moi digno e viable” para mellorar a seguranza viaria e a mobilidade da veciñanza.
Benítez lembrou que o proxecto para a estrada EP-4306 foi solicitado polo Concello de Mondariz nas reunións mantidas a principios de mandato para priorizar actuacións no municipio. Entón, o deputado comprometeuse a elaborar un estudo de actuación que cumprise co decálogo de criterios de actuación para as vías provinciais aprobado en xaneiro de 2016 e dese unha solución ao mal estado da vía. Así, os técnicos provinciais tendo en conta a tipoloxía da vía, a intensidade de vehículos media diaria (378 ao día en 2017 segundo o estudo de aforos), e a poboación da zona determinou unha actuación que permitirá ampliar a plataforma dos 4,5 metros de largo actuais ata máis de seis metros para os carrís, xunto cunha cuneta de seguridade.
O importe total estimado para a obra é de 680.554,76 euros, e as necesidades de cesións de terreos son poucas, segundo indican os técnicos, xa que a pesar de afectares a moitos propietarios (189) apenas se requiren 8.600 metros cadrados para case tres quilómetros de novo ensanche (entre os puntos quilométicos 2+750 e 5+450). “A Deputación cumpriu co seu compromiso de facer un proxecto de mellora. Investiu cartos e tempo en facer este traballo e entregoullo ao Concello para que puxese a disposición os terreos necesarios, para os que estamos á espera”, explica Benítez.
O deputado destaca que a proposta provincial para a vía “é rigorosa tecnicamente e certamente moi interesante porque, se ben é comedida, resolve os problemas de paso para os autobuses e mellora o firme actual tal como se acordou co Concello, de xeito viable, solventando as dificultades nas curvas e noutros lugares conflitivos”, explicou. De feito, será necesario a construción de varios muros de contención para estabilizar noiros ao realizar as ampliacións. Tamén se instalarán redutores físicos de velocidade para garantir o calmado de tráfico.
Benítez recoñeceu que no primeiro treito da estrada (entre os puntos quilométricos 0+000 e 2+750) a vía ten unha sección de nove metros, pero destacou que o departamento de Mobilidade mantén uns criterios moi claros no seu decálogo de actuación nas vías provinciais, que establece que “non se executarán variantes ou ampliacións e ancheamentos de estradas que teñan unha intensidade diaria de vehículos inferior a 3.000”. A pesares disto, subliñou o deputado, no proxecto técnico presentado ao concello plantéxaseunha mellora para a EP-4306 que amplía a sección da vía dos 4,5 metros aos 6 metros máis unha cuneta de seguridade xa que se recoñece a necesidade de mellora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario