10 de dec. de 2018

SANIDADE

CIG-Saúde apoia a dimisión presentada polos Xefes/as de Servizo e Unidade de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo  

 Estas dimisións reflicten a insostible situación na que se atopa a Atención Primaria da área sanitaria de Vigo na que as médicas e os médicos de familia xa non poden dar máis de si. Chegou a hora de que a Administración asuma as súas responsabilidades de xeito inmediato. 

 O Presidente da Xunta e o Conselleiro de Sanidade teñen que asumir a súa responsabilidade e o fracaso das súas políticas sanitarias que nos trouxeron a esta situación e teñen que facer unha aposta decidida pola Atención Primaria, con medidas que permitan a dignificación do traballo das e dos profesionais, entre outras: 

Recuperar as estruturas de xestión da Atención Primaria, con capacidade de xestionar orzamento e recursos humanos.  

Incrementar o orzamento dedicado á Atención Primaria  de xeito que permita incrementar o número de profesionais con contratacións estables, cubrindo as necesidades reais con prazas estruturais e realizando unha Oferta Pública de Emprego do 100% das prazas realmente existentes, as 57 prazas ofertadas son unha demostración máis da súa falta de respecto pola Atención Primaria. 

Modificar as estruturas hospitalarias para que permitan que as e os profesionais da Atención Primaria se relacionen de xeito directo cos da Atención Hospitalaria, nun espazo de coñecemento e colaboración mutua, sen barreiras e con recursos que permitan respostas áxiles que eviten as actuais demoras non asumibles. 

Dar resposta satisfactoria ás demandas das e dos profesionais dos Puntos de Atención Continuada (PACs) que levan máis de 6 meses de conflito e que, diante da pasividade da administración, teñen convocada unha folga, que non é máis que un sinal de desesperación diante da súa incapacidade para dar resposta á atención continuada, ás urxencias e ás emerxencias que se producen.  

Incrementar a capacidade docente, para o que é preciso coidar ao persoal que se dedica a formar ás novas xeracións de especialistas, así como incentivar e prestixiar este traballo.    

Vigo, 10 de decembro de 2018

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario