17 de dec. de 2018

PONTEVEDRA

O REVITALIZA LOGRA CAMBIAR A TENDENCIA E REDUCIR A CANTIDADE DE LIXO QUE ENVÍAN A SOGAMA OS CONCELLOS MÁIS ADIANTADOS   

· O vicepresidente Mosquera subliñou que Vilaboa é o concello que máis detrae, co 21% de redución de lixo 

  

Participantes no seminario ‘Outra ollada na xestión local dos residuos.Tres anos de Revitaliza’
Fotos: D. PO.

Infogauda / Pontevedra

 O Plan Revitaliza está conseguindo xa que os concellos máis avanzados do plan provincial cambien a tendencia e, en lugar de aumentar o lixo que envían a Sogama, estabilicen e incluso baixen notablemente os envíos do lixo dos colectores verdes a queimar. Así o asegurou hoxe o vicepresidente César Mosquera no seminario ‘Outra ollada na xestión local dos residuos.Tres anos de Revitaliza’ que se celebrou na Deputación para dar conta dos avances do plan provincial ante máis dun cento de representantes de concellos, entidades e persoal técnico.  

 Segundo subliñou Mosquera, os centros de compostaxe comunitaria e composteiros repartidos pola Deputación detraeron xa dos envíos a Sogama aproximadamente unhas 3.000 toneladas de biorresiduos en toda a provincia o que suporía, de estar todos xuntos, o equivalente a un municipio das características de Poio, cuns 11.000 habitantes. Así mesmo, Mosquera apuntou como caso concreto que o Concello de Vilaboa xa reduciu un 21% do lixo enviado a Sogama, unha cifra “moi clara” trala que van os concellos de O Grove ou Pontevedra, que xa empezan a notar tamén unha baixada no total dos envíos. “Nótase de maneira clarísima e isto vaise ir multiplicando nos vindeiros meses. A cobertura tanto en volume como en fogares cubertos é exponencial”, apuntou o nacionalista. 

Carlos Pérez e César Mosquera

 O asesor provincial de residuos, Carlos Pérez, fixo fincapé nesta cuestión e, con gráficas mostrou a tendencia alcista de lixo producido e envíos a Sogama nos últimos anos,así como o cambio iniciado neste 2018 xa de maneira notable. “A produción de residuos aumenta en Galiza en xeral, a tendencia na provincia é moi similar, pero xa se empeza a notar o descenso nos concellos Revitaliza. Os resultados falan solos. Non é unha ilusión. O resultado vese nos datos macro, os únicos que entenden as administracións superiores como a Xunta e o Estado. Só traballando no orgánico en Vilaboa, por exemplo, hai un devengo económico de 20.000 euros nas contas a Sogama, e non cotamos o aforro económico que a maiores supón non ter que transportar o lixo”, asegurou.    

 O vicepresidente Mosquera destacou taménna súa intervención que aínda que o Revitaliza está xa ben dirixido nas súas liñas demostrativas e de extensión global con 42 concellos adheridos e 13 intentando implantar o sistema de forma global (Liña 2), hai traballo a futuro. “Hai moitísimo feito pero queda máis por facer”, subliñou, destacando o efecto ‘simpático’ que ten a separación dos biorresiduos no resto das fraccións (plásticos, vidro e papel), que melloraron notablemente as súas cifras.  

 A reciclaxe destas outras fraccións, de feito, será abordada na Liña 3 do Plan Revitaliza, xa que se prevé incidir nas frecuencias dos circuítos de recollida unha vez o orgánico non estea no circuíto, o que suporá unha baixada total do custe da xestión do lixo para os concellos. Tamén destacou que o Revitaliza terá unha cuarta liña de traballo na que se prevén modificar as ordenanzas e a fiscalidade do lixo co horizonte de beneficiar ás persoas que participan na compostaxe e xeran menos residuos.  

Pontevedra e outros concellos 

 Ademais das introdución dos datos xenéricos por parte do vicepresidente e do asesor provincial, a xornada serviu para que as equipas de traballo de mestras e mestres composteiros da Deputación fixesen unha avaliación do traballo feito nos diferentes concellos máis avanzados.  

 No caso do concello de Pontevedra a técnica Mariña Lobelle destacou que o municipio está por baixo do 10% na recollida selectiva e moi lonxe do 50% esixido para 2020. Sinalou que a prórroga da concesionaria permite mellorar a contenerización da zona urbana e no rural de forma que se poida mellorar a recollida e, no ámbito da compostaxe, subliñou que ata o de agora lévanse producido máis de 45 toneladas de compost nos 18 centros de compostaxe comunitaria instalados, número que se vai ampliar en breve cos centros de A Parda e O Gorgullón e a medio prazo con outros 16.  

 O obxectivo, dixo Lobelle, é que a inicios de 2019 se repartan os 8.000 composteiros individuais no rural e que, unha vez entón se poidan detraer do actual sistema de xestión 10.320 quilogramos diarios, o que suporía unhas 3.700 toneladas anuais.  

 O vicepresidente Mosquera tamén fixo referencia á planificación para Pontevedra coa planta de compostaxe, da que dixo “é a alternativa óptima, pero non a boa, que debe ser o tratamento en proximidade”. Subliñou, de feito, que primeiro será necesario ver onde se chega coa compostaxe individual e o comunitaria para despois ver a necesidade das plantas. “En lugar de poñer colector marrón, imos tratar de poñer os composteiros comunitarios e onde non se chegue con eles –que imos chegar a máis sitios dos previstos hai catro anos-, ver necesidades. Nun ano haberá tamén outros concellos como O Grove ou a mancomunidade do Morrazo que poderán definir as súas plantas”, destacou.  

 En canto a obxectivos doutros concellos, apuntouse que no caso do concello de Mondariz a finalidade é detraer unhas 425 toneladas da fracción de biorresiduos ao ano, outras 392 no concello de O Grove e 146 no concello de Mondariz Balneario.  

Ministerio 

 Outro dos puntos máis importantes da xornada foi a participación da conselleira técnica do Ministerio de Transición Ecolóxica Gema Gonzalo, quen felicitou á Deputación polo Plan Revitaliza e explicou que a UE e o Estado endurecerán os seus requirimentos aos concellos en materia de tratamento e separación dos biorresiduos. Subliñou que, de feito, haberá un límite do 31 de decembro de 2010 para que os concellos de máis de 5.000 habitantes xestionen e traten os residuos orgánicos insitu ou os recollan de forma separada para o seu tratamento en planta. “O reto que temos endiante é moi grande porque estamos en 2019 xa e hai ameazas de sanción”, subliñou.   
 Pola súa parte, na inauguración da xornada, a presidenta Carmela Silva destacou que o Plan Revitaliza está a ser unha referencia internacional no tratamento do lixo tanto a nivel galego, do estado como incluso de Europa. “Transformar é de valentes e este proxecto está cheo de valores ambientais. É un proxecto global que implica á sociedade e ten unhas repercusións moi positivas”, subliñou, para pedir ao resto das administracións “que se poñan as pilas” porque existen esixencias que moitos concellos non van poder cumprir se non van da man de asesoramento técnico aos concellos.   

 O seminario ‘Outra ollada na xestión local dos residuos. Tres anos de Revitaliza’ foi organizado polo Ceida, o Centro de Educación e Interpretación Ambiental de Galicia, en colaboración coa Deputación. Outros dos relatores participantes foron os representantes de Amigos da Terra e Adega, que explicaron a súa colaboración no seguimento dos composteiros individuais repartidos polos concellos, e da empresa de educación ambiental Ventos, que explicou o traballo que o Revitaliza está a facer nos centros de ensino.

Ningún comentario:

Publicar un comentario