20 de dec. de 2018

O BAIXO MIÑO

O Goberno de Carmela Silva leva destinados 30 millóns de euros aos concellos do Baixo Miño, "é o maior investimento na comarca da historia da Deputación" 

"Fronte as falacias sen datos do Partido Popular, nós vimos con números relatados ao céntimo que non se poden rebater. Non hai administración que investira máis que nós"

De esq. a der.: Montserrat Magallanes Álvarez, Sandra González Álvarez, Carmela Silva Rego e Uxío Benítez Fernández
Foto: D. PO.

Infogauda / O Baixo Miño

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer hoxe nunha comparecencia de prensa no Mercado de Tomiño que a institución provincial investiu no que vai de mandato do actual Goberno provincial 29,9 millóns de euros (29.891.939,73 €) nos concellos do Baixo Miño: A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui. "É o maior investimento da historia da Deputación nesta comarca, e moito máis importante que a que fixo calquera outra administración", asegurou a Presidenta, que sinalou que "preto de 15 millóns corresponderon ao Plan Concellos, o mellor instrumento que temos para axudar aos concellos e que confirma, segundo fontes oficiais do Ministerio de Facenda, que a Deputación de Pontevedra é a Deputación de todo o estado que máis transferencias directas fai aos municipios".  

 "Falo de datos obxectivos, de números que se poden comprobar un a un", subliñou a presidenta, falamos que só co Plan Concellos temos 175 obras nesta comarca. ¿Algunha outra administración pode compararase con estes datos?, ¿pode a Xunta sequera aproximarse tendo moitísimo máis orzamento?, preguntou Carmela Silva que engadiu: "Fronte ás calumnias, datos fríos e números obxectivos".  

 Destes case 30 millóns de euros, a institución provincial investiu 15 millóns no Plan Concellos; preto de 1,5 millóns no Plan DepoRemse beneficiando á Guarda, Tomiño e Tui; 1 millón noutros proxectos e plans; 3 millóns de euros en Emprego e Formación; 1,5 millóns de € na área de Cohesión Social e Xuventude; 6 millóns de euros en Mobilidade; 110.000 euros para a Igualdade entre mulleres e homes; arredor de 700.000 € en Deportes; máis de 730.000 € en Cultura; máis de 100.000 euros en Medio Ambiente; outros 100.000 € na área de Novas Tecnoloxías ou 900.000 en Turismo, así como máis de 400.000 euros nos programas Visit Miño e Smart Miño ou 800.000 no funcionamento da Oficina de ORAL.  

 O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra supuxo un investimento de preto de 15 millóns de euros na comarca, con 2.827.747,81 € para A Guarda, 1.606.016,45 € para Oia, 2.039.983,69 € para O Rosal, 4.541.861,66 € para Tomiño e 3.725.450,93 € para Tui.  "Falamos de 175 obras nos cinco concellos e só con este Plan, feito con criterios técnicos, obxectivos e equidade e con cero euros de libre disposición". Ademais, Carmela Silva lembrou que o Plan DepoRemse, deixou entre os concellos da comarca preto de 1,5 millóns de euros para mellorar a mobilidade e a seguranza viaria nos espazos públicos da Guarda (500.000 € para actuar na mellora da mobilidade e seguridade na contorna da Rúa Vigo e Celta), Tomiño (500.000 € para a mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna dos equipamentos públicos da Praza do Seixo) e Tui (425.000 € para a mellora da seguranza viaria núcleo da Torre en Paramos).  

 O investimento noutros plans á marxe dos mencionados ascende a un millón de euros cos que se financiou o Plan de emprego de 2015, os préstamos sen xuros, a doazón de materiais de espazos públicos, a iluminación exterior sustentable para os cinco concellos, a adaptación de puntos limpos, a reparación de instalacións deportivas e subministración de material, a substitución das caldeiras de biomasa da Guarda, actuacións nos sendeiros azuis da Guarda, a sinalización da Ruta BTT Suroeste na Guarda, Oia e O Rosal, a subministración de desfibriladores e Degusta Europa.  

 Dentro da área de Emprego, Carmela Silva informou de que "en tres anos financiamos na comarca do Baixo Miño a creación de máis de 400 postos de emprego e de formación, cun investimento de 3.073.221,94 €" entre o Plan Concellos, con 2.550.817,11 €, e os distintos plans de práctica laboral, o Prácticum Depo Erasmus+ e programas como DepoIntegra Xoven, outros máis de 520.000 €.  

 No apartado de Cohesión Social e Xuventude, o achegado na comarca do Baixo Miño sitúase en 1.320.456,89 €, que permitiron, entre outros aspectos, mobilizar a máis de 4.500 veciñas e veciños cos programas provinciais de actividades. A Deputación investiu no plan de cofinanciamento dos servizos comunitarios, en axudas de emerxencia, e mellorou a vida das persoas maiores a través do financiamento do programa de teleasistencia, no que participaron preto de 200 homes e mulleres de Oia, O Rosal, Tomiño e Tui.  No que se corresponde cos programas de actividades e de atención cidadá, Carmela Silva sinalou que "mobilizamos a 4.500 persoas e 100 asociacións a través de Depo en Marcha, En Ruta coa Depo, Depotermal, Tecendo Lazos, DepoRúARTE, Depo Aventura e Tempo de Saúde".  

 En canto á Mobilidade, Silva informou de que o investimento foi superior aos 6 millóns de euros para a realización de "obras de mellora nas estradas provinciais de Deza e distintos plans de mobilidade". Nos últimos tres anos, sinalou, "licitamos e/ou iniciamos obras por importe de máis de 5 millóns de euros" nas que destacan obras moi importantes e a realización de asistencias técnicas necesarias para o bo desenvolvemento das obras; o Plan Móvese; o Plan de sinalización viaria; o Plan de pintado das estradas, e o Plan de desbroces e limpezas.  

 Na área de Igualdade, o investimento foi de máis de 111.000 € para "fomentar a igualdade e a concienciación contra as violencias machistas con iniciativas como case 70 cursos", sinalou a presidenta Carmela Silva, que informou de que grazas á colaboración cos concellos de menos de 20.000 habitantes para a implantación de accións e medidas para o fomento da igualdade e a prevención das violencias machistas, puidéronse financiar actuacións en todos os concellos da comarca. A través do programa Conectadas, financiáronse 66 cursos colaborando con asociacións veciñais, de mulleres e culturais, ás que se lles achegou formación transversal en igualdade. Ademais, o programa Mulleres en Acción. Violencia Zero chegou aos concellos, ao igual que Sorrisos Transformadores ou o programa Cinema e muller.  

 En canto a Deportes, Carmela Silva sinalou que "investimos preto de 700.000 euros en axudas, beneficiando a máis de 100 clubs, entidades, asociacións e deportistas da comarca e centos de nenas e nenos que participaron nas DEPOrte Escolas". A presidenta provincial destacou a liña de axudas ao deporte federado das categorías base e inferiores; a específica de achegas aos clubs de categoría estatal nas súas disciplinas ou o apartado de organización de actividades, eventos e probas deportivas. A Deputación tamén investiu en deportistas individuais e olímpicos/as, ademais da Copa Deputación coa participación de 12 clubs de fútbol, e dedicou 137.000 € ao Atlético Guardés co que veñen asinando convenios anuais por mor da súa categoría de elite da provincia e, ademais, a Presidenta anunciou que "en 2019 os nosos orzamentos xa contemplan que o convenio terá un incremento de 3.000 € respecto ao que recibiu estes anos". A institución provincial tamén instalou novas DEPOrte Escolas. A presidenta tamén resaltou as achegas a través de DEPOcomparte para o préstamo de material a clubs das comarcas para a realización de competicións e actividades deportivas.  

 En canto a Turismo Rías Baixas, o investimento na comarca situouse en case un millón de euros financiando actuacións de promoción, blogtrips nos cinco concellos, axudas a entidades e un investimento superior aos 750.000 € para a escavación e consolidación do xacemento do poboado Mergelina no Monte Santa Trega, que vén de ser incluída na exposición Galaicos. 

 Na área de Cultura, a Deputación investiu máis de 730.000 € para realizar ducias de actividades dos concellos, das asociacións, entidades e comisións de festas dos concellos de menos de 50.000 habitantes da comarca. A presidenta lembrou que "cada ano desenvolvemos unha liña de colaboración co tecido socio-cultural da provincia, cunha temática diferente: Ano Castelao, Ano do Patrimonio e Ano da Lingua, financiamos axudas para a dinamización da lingua galega, e as destinadas á rehabilitación e sinalización do patrimonio. Destacan nesta liña  a sinalización do casco histórico da Guarda, a rehabilitación do lavadoiro da roda de Guillarei (Tui), o mantemento e conservación da Fortaleza do Couto-Goián (Tomiño), o proxecto para a interpretación do patrimonio eclesiástico do Rosal ou a sinalización de tres igrexas de Oia. A Deputación tamén investiu  na colaboración cos concellos e comisións de festas para contratar grupos de música e baile co programa Pontegal e no marco de Musigal, que leva a música galega e en galego por todo o territorio da provincia, así como para o festival audiovisual Play-Doc e os festivais musicais e de artes escénicas IKFEM e Minho Reggae".     

 A Deputación tamén investiu máis de 110.000 euros en Medio ambiente para implantar "un novo modelo de sustentabilidade e coidado da nosa contorna e dos nosos sectores produtivos". A liña de mantemento dos campos de fútbol, con maquinaria e persoal propio, permitiu realizar 8 actuacións na comarca. As liñas de axudas ao sector primario beneficiaron á confraría de pescadores Santa Tecla da Guarda e ademais, crearase un parque forestal na Serra de Groba e Costa, en Oia.  

 No apartado de Novas tecnoloxías o investimento da Deputación dsitúase próximo aos 100.000 € "para implantar a administración electrónica e impulsar as TIC a través do servizo SmartPeme". No caso da administración electrónica, "no que somos a única administración de todo o estado co 100% dos concellos", formamos a un total de 314 persoas funcionarias de todos os concellos da comarca e, pola súa banda, SmartPeme beneficiou a 34 empresas.  

Plan Concellos 2019 no Baixo Miño 

 A presidenta tamén adiantou os datos do Plan Concellos 2019 na comarca do Baixo Miño. Este próximo ano, o goberno provincial incrementa ata os 4,2 millóns de euros os investimentos. Concretamente son 4.180.699,58 euros, 130.827,46 euros máis que no exercicio anterior, o que supón un incremento do 3,23%.  

 Máis polo miúdo, para o concello de Tomiño destínanse un total de 1.268.865,17 euros, case un 3,5% máis que o ano pasado. Na liña 1 teñen a súa disposición 881.729,22 euros, no que respecta a liña 2 son 112.269,43 euros, e á liña 3 de emprego destinaranse 274.866,52 euros.  

 Pola súa banda, Tui terá a súa disposición para este ano 2019 1.063.437,44 euros, o que supón un 3,25% máis que en 2018. Na liña 1 teñen a súa disposición 739.718,33 euros, no que respecta a liña 2 son 93.868,54 euros, e á liña 3 de emprego destinaranse 229.840,57 euros.  

 No caso de A Guarda, a Deputación pon a disposición do concello 808.965,46 euros, un 3% máis que no exercicio anterior. Na liña 1 teñen a súa disposición 562.964,54 euros, no que respecta a liña 2 son 71.340,27 euros, e á liña 3 de emprego destinaranse 174.660,65 euros.  

 Para O Rosal destínanse un total de 583.312,29 euros, o que supón un 3,1% máis que o ano pasado. Na liña 1 teñen a súa disposición 403.555,67 euros, no que respecta a liña 2 son 52.129,42 euros, e á liña 3 de emprego destinaranse 127.627,20 euros.  

 E xa por último, Oia ten a súa disposición a través do Plan Concellos 2019 un total de 456.119,22 euros, un 3,3% máis que no 2018. Na liña 1 teñen a súa disposición 315.402,88 euros, no que respecta a liña 2 son 40.807,74 euros, e á liña 3 de emprego destinaranse 99.908,60 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario