27 de dec. de 2018

MÚSICA

PRESENTACIÓN NOVO DISCO
As Narco Corridas dos Santos Morcegos!!! 
Banda deseñada e Música Instrumental 
   

Víctor Fuguetto / A Guarda

 Os Santos Morcegos!!! son unha banda de “surf/western rock instrumental” da Guarda formada por tres mozos de provincia, enxebres, de raíces punk e calamitosamente adorables.  

 A súa música instrumental di moito, e “fala” en Galego; unha música irreverente nas formas, pero profundamente respectuosa no fondo -o fondo mariño-. No seu imaxinario de argazo e desaugadoiros abrazan o ridículo, idealizan o antiestético e mostran unha obsesión patolóxica pola cultura oral, o patrimonio intanxible das xentes e pobos do mar, e o folclore da Galiza máis fonda.   

 Esta actitude válese no ofuscado interese de contextualizar gráfica e idealmente os seus discos, designio no que colaboran man a man co deseñador gráfico, historietista e ilustrador Alejandro Viñuela Agra “Jano” dende a súa primeira demo “The Abrecadaver EP” en 2008. Dous LPs e dous EPs (“Ecstasy of Fedorento”(2010), “Raios e Centolas” (2013) e “Corre Canceliñas, Corre!” (2015), Lendas Urbanoides” (2017)), e unha compilación en formato dixital, seguiron a estela daquela primeira referencia, cadansúa delas xirando arredor dunha idea conceptual: unha lenda fronteiriza, un foraxido, ou unha balea varada na praia… apoiándose nos deseños de Jano, e outorgando  tanta importancia á “redacción da imaxe” coma ás músicas.     

 Jano é un artista de 1,80 m. de eslora, en lide constante entre o intrépido soñador e o crítico indómito que agocha no seu interior. Na súa extensa obra atópanse o humor máis ácido coa crítica social, nunha perturbadora pero sedutora estética mínima, case infantil. Amante da música, devorador do inframundo e apaixonado, irresistible a distancia “corta-pega” e simpático na súa “tonalidade”. Algunhas das súas publicacións máis notables son “Ratoon”, “Operario”, “3 x 1” ou “A Voz do Vento”, ilustrando poemario de Manuel María. 

                                                    Santos Morcegos

 Esta colaboración ao longo de toda unha década acada o seu punto álxido coa presentación dun devezo proxecto, “As Narco-Corridas dos Santos Morcegos!!!”, dando unha pasada máis ambiciosa na mestura de Banda Deseñada e Música Instrumental, e  que verá a luz a principios do ano 2019: unha novela gráfica/cómic de oito ilustracións compostas simultaneamente e en sintonía con oito temas musicais, que relatan unha vez máis eses pequenos grandes anacos da nosa disparatada e xenuína historia.    

 A vertente máis ecléctica dos Santos Morcegos!!!, onde afloran matices post rock e ritmos selváticos para acompañar as súas composicións xa clásicas de western/épica, comungan coa  maxia brava do lapis de Jano, nunha esmorga artística sen precedentes no “underground” da escena musical/artístico galegas.

 A presentación oficial do proxecto terá lugar o venres 28 de decembro de 2018 no Círculo de Artesanos de A Coruña (Rúa San Andrés, 36) a partir das 21:30 horas, con entrada de balde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario