A Xunta de Galicia traballa nun proxecto para transformar as algas nun abono ecolóxico que contribúa á rexeneración ambiental
Trátase do programa Gestalgar, no que participa a Fundación Cetmar, que busca desenvolver un innovador sistema para a valorización destes residuos e a súa transformación para aplicacións como a recuperación de zonas incendiadas
A retirada destes vexetais das praias tamén permitirá baixar a mortalidade nos bancos marisqueiros
As empresas participantes aspiran a converter este residuo nun produto de valor con alta demanda e cun gran mercado potencial a nivel internacional
A iniciativa foi presentada hoxe nunha xornada na sede da Fundación Cetmar en Vigo
Infogauda / Vigo
Demostrar que a compostaxe biolóxica de algas de arribazón é tecnicamente viable a través dun proceso a escala industrial e economicamente sostible é o obxectivo xeral do proxecto Gestalgar. Trátase dun programa financiado polo programa Conecta-Peme e posto en marcha por un consorcio integrado polas empresas Intacta Gestión Ambiental SL, Ecocelta Galicia SL e Demaux Manufacture SL, xunto co Centro Tecnolóxico do Mar e o Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal).
Esta iniciativa, presentada hoxe nunha xornada na sede da Fundación Cetmar en Vigo, pretende demostrar que a través da valorización destes residuos que se acumulan nas costas galegas se poden desenvolver novos produtos e servizos. A idea é dar resposta a algúns dos principais problemas de rexeneración ambiental aos que se enfronta Galicia, como é a recuperación das áreas incendiadas.
O impacto do proxecto estenderase ademais aos sectores pesqueiro e turístico, xa que aportará solucións para o tratamento destes residuos que se acumulan nas praias e aumentan a mortalidade nos bancos marisqueiros. Para cumprir eses fins, os socios de Gestalgar desenvolverán ata 2020 tres actividades fundamentais como o deseño, desenvolvemento, construción e validación dun prototipo móbil de tratamento de algas de arribazón para compostaxe.
Tamén está previsto deseñar e desenvolver solucións de compostaxe biolóxica de algas de alto valor engadido, específicas para aplicar na rexeneración de áreas afectadas por incendios, rexeneración de cimbras ou tratamento de augas ácidas, así como os seus correspondentes procesos de fabricación a escala industrial. O proxecto prevé ademais a demostración e validación en campo e a escala real dos produtos elaborados e o desenvolvemento dos procedementos estandarizados correspondentes.
Con todo isto sentaranse as bases para a creación dunha cadea de valor dende un punto de vista empresarial, de converter un residuo nun produto de valor con alta demanda e cun mercado potencial a nivel internacional, poñendo fin á problemática da acumulación das algas de arribazón nas costas galegas a través dunha solución sostible.
Ademais do Centro Tecnolóxico do Mar, no proxecto participa outro organismo de investigación, o Instituto Galego de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. O orzamento desta iniciativa ronda o millón de euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario