18 de dec. de 2018

LABORAL

A CIG queda a un só voto da maioría entre o persoal de fábrica nas eleccións de GKN 

Na central salientan o bo resultado obtido na segunda empresa máis importante da automoción viguesa


Infogauda / Vigo

 A federación de Industria da CIG de Vigo quedouse a un só voto de lograr a maioría entre o persoal de fábrica (colexio de especialistas) nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar na empresa GKN, a segunda máis importante do sector da automoción tras PSA Peugeot Citroën. Dende a central salientan o bo resultado obtido no proceso a pesar de que CCOO impugnou a candidatura presentada no colexio de técnicos/as e administrativos/as, ante o que a CIG estuda presentar denuncia no Xulgado.  

 Do total de 595 votos emitidos a CIG sumou 204 (6 delegados/as), fronte aos 205 de CCOO (6 delegados/as), mentres que UGT conseguiu 172 (5 delegados/as). Deste xeito, o comité de empresa queda conformado por 9 representantes de CCOO, 6 da CIG e 6 da UGT, unha vez sumados os delegados/as que se escollían entre os técnicos/as e administrativos. Neste colexio, 92 votos foron para CCOO e 25 para UGT, ao tempo que se rexistraron 13 votos en branco e houbo un 40% de abstención. 

 Dende a CIG valoran moi positivamente o resultado obtido no proceso xa que a representación da central na segunda empresa máis importante da automoción pasou do 25% ao 35%: hai catro anos escollíanse 18 delegados/as no colexio de especialistas e 3 do de técnicos/as e administrativos/as (dos que a CIG logrou 5) e nesta ocasión elixíronse 17 e 4 (dos que a CIG se fixo con 6).  

 E iso foi así a pesar de que CCOO impugnou a candidatura presentada pola central no colexio de técnicos/as e administrativos/as, tras o que a mesa decidiu non aceptala. O laudo arbitral solicitado pola CIG non atendeu a reclamación, polo que a candidatura decaeu, “impedindo que os traballadores/as deste colexio puidesen escoller libremente entre as distintas opcións sindicais presentes na empresa”. Diante disto, na central estudan presentar unha denuncia no Xulgado.  

 Outro factor que tería influído decisivamente no resultado das eleccións foi a “carretaxe” de persoas acollidas á xubilación parcial, “que xa non traballan na fábrica pero que acudiron en masa a votar por CCOO e UGT, condicionando o futuro dos empregados/as que si están na compañía”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario