19 de dec. de 2018

A GUARDA

EFECTOS DO PICUDO VERMELLO NAS PALMEIRAS DA GUARDA 
  
Agustín Ferreira Lorenzo

ANABAM / A Guarda

 Logo de catro anos de seguimento das palmeiras da Guarda, a Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM) ven de dar a coñecer o traballo de campo publicado baixo o título “Efectos do picudo (Rhynchophorus ferrugineus) nas palmeiras da Guarda”, estudo realizado por ANABAM, sendo o autor e responsable do mesmo Agustín Ferreira Lorenzo, presidente da citada asociación. 

(Rhynchophorus ferrugineus)

Resumo do traballo:

 Para o traballo de campo utilizouse as seguintes ferramentas: Google Maps e o Sixpac. Ademais percorréronse as diferentes rúas das tres parroquias guardeses a pe, ao longo destes catro anos.

 O estudo comezou no ano 2014 coa observación das dúas primeiras palmeiras afectadas polo picudo: unha fronte ao Convento San Benito, a carón do parque infantil alí existente, e outra na entrada a Camposancos, no lugar coñecido como “O Transformador”.

 No ano 2014, xustamente antes da chegada do escaravello censamos no municipio guardés 313 palmeiras. Por parroquias repartíanse do seguinte xeito: 122 en Salcidos, 107 na Guarda e 84 en Camposancos.

 No ano 2017, o número de exemplares quedou reducido drasticamente. Quedaron danadas irreversiblemente máis do 77% das palmeiras que había na localidade, pasando dos 313 exemplares a 70.

 Un ano despois, é dicir, ata novembro deste mesmo ano, volveu reducirse notablemente o número de palmeiras que sobrevivían. Quedamos con 33 exemplares.
Comparativa do estado anterior e o de hoxendía na finca de Celso Vicente

 No municipio contabilizáronse catro palmeiras históricas, é dicir, aquelas que se aproximaban aos cen anos: dúas no Castelo de Santa Cruz, unha na Alameda guardesa e unha na finca de Celso Vicente, no Coruto. Ningunha destas palmeiras sobrevive na actualidade.

Comparativa do estado primixenio, o intermedio e o de hoxendía - foto inferior -, nos xardíns de Feliciano Rolán Vicente, diante do Centro de Saúde de A Guarda

 A  maioría das palmeiras non sufriron tratamento algún, a razón é que este resulta caro, pois a media do tratamento por ano está entre os 250 e os 300 euros. Tampouco se seguiu, en xeral, o protocolo establecido, por exemplo na eliminación de exemplares, agás excepcións, xa que eliminar unha palmeira enferma podería supoñer un gasto duns 500 euros. Ademais de resultar caro loitar contra o picudo, agás os exemplares históricos que tiñan un valor cultural, patrimonial, representaban unha etapa da vida local relacionada coa emigración a América, o resto das palmeiras o único valor que posuían era o ornamental, polo que a perda destes exemplares, desde o punto de vista ecolóxico ou, como sinalabamos, patrimonial, era nulo.

Estimamos que para o 2020, as palmeiras na Guarda serán algo testemuñal. Si conviría que o concello fixese os máximos esforzos por preservar as dúas palmeiras que quedan na Alameda, unha da especie Phoenix canariensis (palmeira de Canarias) que son as maiormente afectadas xa que tamén esta é (era) a especie maioritaria, e sobretodo a Phoenix dactylifera (palmeira datileira) único exemplar do que temos constancia ata o de agora que existe na Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario