A maxia do Nadal vívese na Vila
· Con concertos, exposicións, festivais musicais, a Pista de Xeo,...
Infogauda / A Guarda
A Guarda atópase xa inmersa na maxia do Nadal cunha extensa e variada programación de actividades que continúan esta semana con moita música, exposicións e a recente apertura, por primeira vez na vila, da Pista de Xeo.
A Pista de Xeo instalada na Alameda da Guarda atópase aberta ao público de luns a venres de 16:00 a 22:00 horas e as fins de semana de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 22:00 horas. As entradas custan 6€ de xeito anticipado nos máis de 50 establecementos colaboradores da vila e 7€ na propia pista.
Cada entrada da acceso á pista de xeo da Alameda, que ten unhas dimensións de 20m x 10m e cunha duración de 45 minutos para gozar por primeira vez na Guarda da patinaxe sobre xeo, o aluguer dos patíns é gratuíto e recórdase que se deben de traer luvas para as mans.
EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍA
O Centro Cultural acolle a exposición “Auga, o Sangue da Terra”, formada por unha escolma de fotografías da autoría de Manuel Valcárcel, tiradas nas súas viaxes ao redor do mundo, recollendo instantáneas coa auga coma protagonista en países coma China, Níxer, Nova Zelanda ou o deserto de Atacama en Chile. Tamén hai un interesantísimo audivisual do mesmo autor, que merece que lle adiquemos uns minutos a súa contemplación, porque se ás fotografías son magníficas, o vídeo é todo un documento digno de ollar.
A exposición “Auga, o Sangue da Terra” estará ata o 12 de xaneiro de 2019 en horario de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, e os sábados de 10:00 a 13:00 horas.
A programación de actividades da Axenda de Nadal continúa este xoves día 20 de decembro ás 20:00 horas no Centro Cultural co segundo Concerto de Nadal do Conservatorio Elementalde Música da Guarda, no que se contará coas actuacións do Coro do Conservatorio, actuacións musicais dos alumnos de grao elemental, da Banda de Iniciación e da Agrupación Musical da Guarda.
CONCERTO DE NADAL DE PANDERETEIRAS
O venres 21 de decembro ás 20:30 horas o Centro Cultural acollerá o Concerto de Nadal de Pandereteiras. Unha cita coa música máis tradicional onde cada grupo tocará unha peza popular e unha panxoliña ou cantar de Reis. Contarase coas actuacións de grupos da Guarda como Carainas, Coiro Vello, Paliqueiras, Tambaluca, Pandereteiras do Lusco ó Fusco, Pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa, Caramuxiñas e Arghaceiras do Muño.
O sábado 22 de decembro a Charanga “Vaia Panda” será a encargada de animar e dinamizar as rúas da Vila, en horario de 11:00 a 13:00 horas, momento en que moitos veciños aproveitan para facer as compras de Nadal.
CONTOS CONTADOS E OBRADOIRO DE NADAL
Tamén na xornada do 22 de decembro, ás 11:30h a Biblioteca ública Municipal da Guarda acolle unha sesión de “Contos Contados” adicada ao Nadal, onde nenas, nenos e familias contarán os tradicionais contos dos avós, ademais de participar nun obradoiro para decorar a árbore de Nadal da Biblioteca.
CINEMA INFANTIL
Xa pola tarde, ás 17:30 horas deste sábado día 22, o Centro Cultural será o escenario da proxección de cinema infantil “Coco”, a historia dun neno que quere ser músico.
Esta sesión de cinema é unha actividade enfocada a conciliación laboral que permitirá que os pais e nais teñan un tempo libre para facer compras na vila.
CONCERTO DE PANXOLIÑAS
O domingo 23 de decembro a Igrexa Parroquial de Santa María acolle dende as 17:00 horas o tradicional Concerto de Panxoliñas no día previo á noite de Nadal, un evento musical que contará nesta edición coa actuación da Agrupación Coral Polifónica de A Guarda, o Coro Infantil dos PP. Somascos, o Coro Arpegios Cantábile e a Coral da Terceira Idade.
Dende o Concello da Guarda se convida a participar e gozar dunha programación de Nadal que, sen dúbida, dinamizará e chamará a atención dos nosos veciños e visitantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario