O BNG considera un respilfarro a compra da finca de Fínola
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz do BNG no Concello: “O Alcalde da Guarda despreza o milleiro de sinaturas presentadas solicitando a paralización da compra de Fínola e a petición do BNG de levar a pleno a compra final”
Ángel Luis Baz Vicente, concelleiro portavoz do BNG no Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
“O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO lamenta o paso dado polo Goberno municipal do PSOE adquirindo a Finca de Fínola por valor de 280.000 €”. Esa é a valoración - logo do anuncio da operación de compra-venda feita polo rexedor municipal Antonio Lomba Baz, e da que informou este xornal dixital transfronteirizo - que fai Ángel Luis Baz Vicente, concelleiro portavoz do BNG no Concello de A Guarda.
“Desde o primeiro momento - relembra Ángel Luis Baz - o BNG alertou ao Concello de A Guarda e a cidadanía de que a compra da finca de Fínola, de levarse a cabo, sería un auténtico despilfarro.
O BNG sustenta tal afirmación en que co desenvolvemento do PERI nº 5, o Concello faríase con estes terreos e aproximadamente 2.000 máis localizados neste PERI sen custes para o Concello”.
Segundo afirma o portavoz nacionalista “o informe do propio interventor do Concello coincide coa posición do BNG e iso sabémolo todos os que estivemos no pleno”.
Ángel Luis Baz Vicente tamén afirmou que “coa adquisición de Fínola soamente cambia o propietario da finca, o uso vai ser o mesmo. Que vantaxe saca o pobo da Guarda? Onde había un parking, seguirá habendo un parking.
Para xustificar o inxustificable o Alcalde agora enrédase falando dunha modificación do PXOM para facer un auditorio en Fínola. A principio da lexislatura falaba dun auditorio no Castelo de Santa Cruz.
Ademais da falta de claridade de ideas do Alcalde da Guarda e da ausencia dun proxecto claro para a Guarda seguimos sen entender quen son os grandes beneficiarios desta operación urbanística”.
O BNG considera que “eses cartos ben poderían investirse en política social, en cultura, en deporte, promoción turística,..., mentres se lles din á veciñanza, ás asociacións, aos diferentes colectivos que non hai diñeiro”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario