30 de dec. de 2018

TURISMO

O Camiño Portugués e a súa variante costeira culminan o seu mellor ano coa exposición en 3D 'De mar a mar' en Valença do Miño 

A Consellería de Cultura e Turismo priorizou durante estes doce meses os seus investimentos en ambos itinerarios, con máis de 1,7 millóns de euros para diferentes accións de mantemento, conservación e divulgación como esta mostra 

Ambas rutas xacobeas, xuntas, son escollidas xa polo 25% dos peregrinos que chegan a Galicia e só o Camiño Portugués pola Costa, con máis de 13.800 peregrinos, multiplicou por cinco as súas cifras desde o seu recoñecemento oficial 

Infogauda / Santiago de Compostela

 Máis do 25% dos peregrinos que chegaron a Santiago de Compostela durante 2018 escolleron o Camiño Portugués ou a súa variante costeira, os dous itinerarios aos que a Consellería de Cultura e Turismo dedicou este ano seguindo co calendario marcado no Plan Director do Camiño de Santiago. Cun investimento superior aos 1,7 millóns de euros para diversas actuacións de mantemento, conservación e divulgación, ambas rutas completan o seu mellor ano coa exposición itinerante De Mar a mar. O Camiño de Santiago en 3D que pode verse en Valença do Miño.  

 A mostra exponse nesta cidade portuguesa tras o seu paso por Braga e despois de desembarcar con éxito de público durante os últimos doce meses en diferentes localidades como Pontevedra, Padrón, Coimbra ou Caldas de Reis. De mar a mar. O Camiño de Santiago en 3D é unha recompilación de varias fotografías en tres dimensións e de gran formato. Están realizadas coa técnica estereográfica, que retratan o patrimonio, as paisaxes e aos propios peregrinos tanto do Camiño Portugués, o Camiño Portugués da Costa, o Camiño Inglés e o Camiño de Fisterra e Muxía, as catro rutas nas que a Xunta vén priorizando os investimentos nestes últimos dous anos coa vista posta no Xacobeo 2021.  

 Esta exposición súmase ás numerosas accións levadas a cabo durante este ano no Camiño Portugués e na súa variante costeira, como parte da programación prevista. Amais dos traballos de sinalización, acondicionamento e mantemento das rutas, tamén se traballa na mellora da atención aos peregrinos coa posta en marcha de novas infraestruturas como o albergue de peregrinos no barrio do Berbés en Vigo, no que a Xunta continúa a avanzar e que será o primeiro construído polo Goberno autonómico no Camiño Portugués da Costa tras oficializarse como ruta xacobea.  

En 2019, o ano da Vía da Prata 

 Ademais, a vintena dos concellos de ambas rutas, tanto na provincia de Pontevedra como na da Coruña, gozaron este verán do programa de artes escénicas Vive o Camiño, que consta de máis de 40 actividades de balde, ao aire libre e dirixidas a todos os públicos. De xeito paralelo, os dous itinerarios amosaron tamén o seu bo comportamento en canto a número de peregrinos que os transitan.  

 Así o constatan as cifras da Oficina do Peregrino, que revelan que só no último ano o Camiño Portugués medrou máis dun 14% e que o Camiño Portugués da Costa conseguiu posicionarse entre os itinerarios máis escollidos polos peregrinos. Pasou de ser o sétimo itinerario o ano pasado, a pechar 2018 como o sexto máis transitado. Desde que acadase o seu recoñecemento oficial en 2016, o número de peregrinos que o percorreron multiplicouse por cinco, ao pasar de máis de 2.500 de 2016 aos máis de 13.800 que o realizaron neste 2018.  

 Seguindo o calendario do Plan director do Camiño de Santiago, durante o vindeiro 2019 desenvolverase o proxecto de actuación integral na Vía da Prata, o itinerario de maior extensión na Comunidade galega. Co fin de impulsar o seu acondicionamento, mellora e sinalización, investiranse 3 millóns de euros que permitirán que esta ruta chegue tamén nun estado óptimo á celebración do Xacobeo 21.

Ningún comentario:

Publicar un comentario