20 de dec. de 2018

A GUARDA

O BNG acusa de irresponsábel ao alcalde da Guarda ao pór en perigo axudas europeas IDAE    

Ángel Luis Baz Vicente, voceiro do BNG no Concello de A Guarda: “Un novo caso de inacción do goberno do PSOE pon en perigo importantes axudas europeas”
Ángel Luis Baz Vicente, voceiro do BNG no Concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 O grupo de goberno do PSOE levou a pleno, hoxe xoves, unha petición de subvención dentro das axudas europeas a programas de aforro e eficiencia enerxética, e proxectos de mobilidade sustentábel. En xuño de 2017 abríanse esta liña de axudas, pasou un ano e medio no que o goberno municipal non presentou ningún proxecto, que estiveron a facer?”. Esa é a pregunta que formula Ángel Luis Baz Vicente, voceiro do BNG no Concello de A Guarda.

 Para o BNG resulta incríbel que un goberno en minoría, non negocie con ningunha formación política esta liña de subvencións, e que agora, pretenda o apoio incondicional apelando á responsabilidade da oposición dado que están na data límite para presentar algún proxecto, afirma Ángel Luis Baz.  

 “Unha situación alarmante - explica o voceiro municipal do BNG -, se temos en conta que o requisito prioritario é a orde de chegada de proxectos, polo que a pretensión do Alcalde da Guarda de presentar un proxecto a última hora non ten moitas garantías de éxito. Un despropósito.”  

 Como contrapunto á situación de parálise de goberno da Guarda, Ángel Luis Baz pon a xestión do goberno nacionalista de Tomiño, onde xa teñen aprobados 3 proxectos cuns investimentos totais superior ao 1.200.000 € e un cuarto á espera de ser aprobado.   

 O BNG quere denunciar - engade Ángel Luis Baz - que a situación ven agravada, cando A Guarda partía con vantaxe fronte a outros concellos, ao ter redactado o plan de mobilidade que daba acceso directo as axudas, mentres outros concellos tiñan que agardar á redacción do mesmo.   

 A negación do PSOE e PP de aprobar o plan de mobilidade tira pola borda a realización de diferentes proxectos como as eco-sendas na circunvalación con Camposancos, proxectos de seguridade peonil na Sangriña e Solanas ou proxectos de eficiencia enerxética para o Conservatorio, Centro Cultural e outros edificios municipais.  

 “Algo que Tomiño non deixou escapar”, remarca Ángel Luis Baz, para acabar dicindo “que moito me temo que a resposta ao único proxecto que A Guarda aínda ten pensado mandar vai ser un: tarde piaches”.       

Ningún comentario:

Publicar un comentario