A XUNTA DE GALICIA ACTIVA UN PROGRAMA INTEGRADO PARA DESEMPREGADOS NO CONCELLO DE TUI
· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que esta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria céntrase en incrementar as oportunidades laborais a través da especialización e a posta en marcha de medidas que combinan orientación e asesoramento con formación e prácticas
· O Goberno galego investirá 4,9 millóns de euros nestes programas na provincia de Pontevedra, que se desenvolverán en 21 concellos e 10 entidades sen ánimo de lucro
· Cada curso beneficiará a 100 demandantes, 2.200 na provincia de Pontevedra
· Enmárcanse na Axenda 20 coa que o Goberno galego está a impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de, polo menos, 80.000 novos postos de traballo
José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra
Infogauda / Tui
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que desempregados do concello de Tui beneficiaranse dun novo programa integrado para desempregados que pon en marcha a Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Deste xeito, o programa, que acaba de comezar este mesmo mes, favorecerá aos veciños deste concello, cun investimento de 250.000 euros. Os alumnos procederán das Oficinas de Emprego, e o control e seguimento dos cursos será responsabilidade da administración autonómica.
Segundo pudo saber este xornal dixital, a Xunta porá en marcha nas próximas semanas na provincia de Pontevedra un total de 12 programas integrados de emprego en municipios e 10 para entidades sen ánimo de lucro nos que investirá 4,9 millóns de euros, para incrementar as oportunidades laborais de sen emprego. Cada curso beneficiará a 100 participantes, preto de 2.200 na provincia de Pontevedra. No conxunto da comunidade autónoma, a xunta vai desenvolver un total de 48 programas integrados, cun investimento próximo aos 11 millóns de euros.
A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúe a reserva dunha porcentaxe do orzamento para o desenvolvemento de plans específicos para as mulleres. En concreto, na provincia de Pontevedra haberá dous plans integrados con este fin, un que porá en marcha o concello de Moaña e outro a FeSP UGT Galicia para Vilagarcía e Pontevedra, en total 500.000 que permitirán activar unha das medidas do plan Emprega en feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo.
Tal e como explicou o delegado territorial, os programas integrados de emprego, que teñen uno ano de duración, “están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes, é dicir, máis de 1.300 en toda Galicia”. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais.
A actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o traballo estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de, polo menos, 80.000 novos empregos.
O Goberno galego, a través desta folla de ruta, vén activando ao longo deste ano diversos programas e axudas enfocados a ampliar as oportunidades laborais dos galegos e galegas como son os cursos de formación, os obradoiros, as lanzadeiras de emprego ou a iniciativa Formación á porta para cualificar a 500 mozos e mozas en 30 concellos do rural.
Con este tipo de actuacións, o Goberno galego contribúe a mellorar as cifras do desemprego en Galicia, que no último mes se reduciu nun 6,55% con respecto a hai un ano, en 13.037 persoas, crecendo a contratación indefinida nun 19,87% -máis do dobre que a temporal- e medrando tamén a contratación a tempo completo nun 9,32%.
Ningún comentario:
Publicar un comentario