5 de nov. de 2018

TOMIÑO

Medio Rural reforza a súa colaboración co concello de Tomiño a prol do seu sector de planta ornamental 

O conselleiro José González recibiu á alcaldesa deste municipio pontevedrés para analizar as necesidades do seu agro e lembrou que a Xunta destina este ano catro millóns de euros en axudas para as producións vexetais

Ambos abordaron ademais a mellora de camiños de titularidade municipal, para o que a consellería achega a Tomiño preto de 60.000 euros dentro do último reparto de axudas do plan correspondente

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse este mediodía en San Caetano coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González 

Infogauda / Tomiño

 O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse este mediodía en San Caetano coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González. A xuntanza centrouse en analizar as necesidades e problemas do rural neste concello pontevedrés, con especial atención ao sector da planta ornamental, que ten unha gran importancia neste concello.  

 Así, o titular de Medio Rural reiterou o apoio do seu departamento a este tipo de cultivos e destacou que Tomiño conta con máis de vinte instalacións de viveiros, cunha actividade principalmente centrada en froiteiras e rosáceas, frondosas, coníferas e ornamentos florais. Neste sentido, José González lembrou que Medio Rural destina este ano catro millóns de euros a unha liña de axudas específica para os produtos vexetais (incluíndo horta e planta ornamental), de xeito que non teñan que competir con outros sectores máis potentes en Galicia como o lácteo ou cárnico.  

 O conselleiro explicou ademais que o sector da planta ornamental conta en Galicia con arredor de 130 viveiros, dos cales a maior parte (máis do 75%) se sitúan nas provincias da Coruña e Pontevedra. A superficie de cultivo na nosa comunidade é aproximadamente dunhas 900 hectáreas, cunha media de 7 ha por viveiro.  

 Na reunión abordouse tamén a importancia deste sector e o interese das diferentes administracións públicas –neste caso a Xunta e o Concello– por impulsalo, coa finalidade, entre outros obxectivos, de mobilizar terras de aptitude agraria e loitar contra o abandono do rural, poñendo en valor fundamentalmente zonas de reestruturación parcelaria. 

 Camiños municipais 

 Xunto con estes asuntos, o conselleiro e alcaldesa avaliaron tamén outros temas de interese para os veciños de Tomiño, como son a mellora de camiños municipais e outras infraestruturas rurais. Neste sentido, José González lembrou que a este concello lle corresponden preto de 60.000 euros dentro do último reparto de axudas do Plan de mellora de vieiros da consellería. Estes fondos destinaranse a poñer en valor os camiños municipais en Goián, Santa María de Tebra, Barrantes, Tomiño e Piñeiro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario