23 de nov. de 2018

PONTEVEDRA

Carmela Silva pecha a Asemblea Estatal da Rede Española da Ruta dos Fenicios presidindo a sesión de conferencias abertas 

· A presidenta da Deputación felicitou "ás persoas participantes nestes días de intercambios e propostas" e resaltou que "quedou patente a pegada dos fenicios no noso territorio, no noso paisaxe e na nosa cultura"

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego na reunión-asemblea da Rede Española da Ruta dos Fenicios 
Foto: D. PO.

Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, pechou hoxe as dúas xornadas da reunión-asemblea da Rede Española da Ruta dos Fenicios nunha sesión de clausura aberta ao público, que contou coa conferencia de Eladio Fernández-Galiano, o asesor de Itinerarios Culturais do Consello de Europa.  

 Carmela Silva tivo unhas verbas de agradecemento ás persoas participantes na asemblea resaltando que "foron dous días de intercambio e de propostas en torno á Ruta dos Fenicios nos que quedou patente como a pegada da cultura está presente no noso territorio, no noso patrimonio, na nosa gastronomía, nas nosas tradicións e, por suposto, nas nosas palabras".  

 Tamén en relación á Ruta dos Fenicios sinalou que "temos unha oportunidade de poñer en valor o patrimonio e a cultura. Ademais é un instrumento fundamental de atracción dun turismo sostible, do século XXI. Hoxe en dia un porcentaxe altísimo das e dos turistas móvense por cuestións culturais, e ese tipo de turismo é polo que debemos apostar". A presidenta provincial resaltou que "había a necesidade de contar a historia dos fenicios no noroeste peninsular, onde temos que impulsar a posta en valor da pegada que deixou no noso territorio, nas nosas paisaxes e na nosa cultura".  

 Esta xornada aberta que acolleu o Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra contou cunha interesante conferencia de Eladio Fernández-Galiano, experto cunha dilatada experiencia e actualmente asesor de itinerarios culturais do Consello de Europa. A súa conferencia marco versou sobre o programa de Itinerarios Culturais Europeos do propio Consello de Europa. A xornada rematou cunha mesa redonda composta por Ana María Niveau, da Universidade de Cádiz, que falou da Ruta dos Fenicios en España; Manolo Molinos, da Universidade de Jaén, que explicou a Ruta dos Iberos; Arturo Ruiz, presidente da Rede Española da Ruta dos Fenicios e catedrático da Universidade de Jaén, que analizou o Camiño de Aníbal, e Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra que falou da Ruta dos Kassiterides.

Ningún comentario:

Publicar un comentario