16 de nov. de 2018

SANIDADE

Persoal dos PAC rexistra case 3.000 sinaturas de usuarios/as en apoio das súas reivindicacións 

O acto de entrega tivo lugar na sede do Sergas en Vigo este mediodía

Unha representación do persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) galegos diante da sede do Sergas en Vigo, logo de presentar preto de 3.000 sinaturas
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Unha representación do persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) galegos rexistrou hoxe na sede do Sergas en Vigo preto de 3.000 sinaturas recollidas entre usuarios/as destes centros nas distintas áreas sanitarias do país en apoio das súas reivindicacións. O colectivo, que reclama melloras asistenciais e laborais, anunciou a convocatoria de novas xornadas de folga todos os martes, venres e domingos entre o 23 de novembro e o 17 de decembro.  

 Os traballadores/as dos PAC lembran que a súa prioridade é resolver os problemas asistenciais que afectan a pacientes e usuarios/as, e que para iso é preciso que o Sergas organice a xornada aplicando con neutralidade os criterios do pacto de permisos e incapacidade temporal (IT) e diferenciando a xornada obrigatoria e a complementaria no calendario anual.  

 Denuncian, entre outras cousas, que o Sergas mantén unha “fórmula mal confeccionada” para o cálculo da xornada anual, o que repercute en ter que facer horas de traballo a maiores cada vez que se sofre unha IT ou se goza dun permiso retribuído. Ademais, as horas que exceden a xornada obrigatoria anual constan no calendario sen diferenciación ningunha, cando equivalen a horas extra e teñen condición voluntaria.  

 Para rematar, indican que continuarán na procura das condicións de traballo e retributivas “mínimas” do resto de colectivos da sanidade pública en Galiza. Unha loita que xa motivou múltiples demandas xudiciais e incluíu varias xornadas de folga e mobilizacións. Entre as próximas medidas de presión, que segundo adiantan se irán intensificando, inclúese a convocatoria de novas xornadas de folga todos os martes, venres e domingos entre o 23 de novembro e o 17 de decembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario